Imaxe de cabeceira
Nós, normalizando
A lingua galega no ámbito deportivo

Considerar que o galego xa alcanzou o máximo prestixio no mundo deportivo? Iso claramente non é certo. Efectivamente estanse levando a cabo políticas lingüísticas para conseguir o seu desenvolvemento en todos os ámbitos pero aínda hai moito polo que loitar. Referireime a todo o relacionado co deporte.

O FÚTBOL E A NECESIDADE DUNHA TERMINOLOXÍA ESPECÍFICA

En canto ao fútbol é necesaria unha terminoloxía específica. Nos últimos anos creáronse léxicos, glosarios e diferentes disciplinas entre as que ten cabida a do deporte (creouse un dicionario plurilingüe de fútbol aínda inédito).
A necesidade desta terminoloxía vese en que o léxico deportivo é un léxico específico que precisa dunha descrición e explicación detallada para evitar confusións. Por exemplo algunhas persoas poden chegar á conclusión de que cando lles falan do medio refírense a homes de medio corpo ou ao indicar que o árbitro sortea o campo créase a imaxe dun árbitro sacando bólas dun bombo…
A notoriedade da terminoloxía vese aumentada en linguas minorizadas, xa que os termos empregados van estar tomados da lingua dominante.
Actualmente estase producindo un avance na terminoloxía do galego, pois recentemente aparecen manuais de distintos campos: administración, economía… entre os que destaca o Termigal ( Servizo de Terminoloxía Galega) que resolve as consultas terminolóxicas de cada persoa.
No campo dos deportes aínda non hai unha terminoloxía proposta en lingua galega só algunhas achegas:
Tres artigos publicados en Educación en Galicia en 1988
Dúas publicacións de P. Novo Folgueira unha de 1988 e outra de 1998
En canto á utilización de termos propios da fala habitual no fútbol aínda que con significados que se apartan dela dan lugar a confusións.
Tendo en conta a popularidade dos deportes demostrada na cantidade de canles televisivas dedicadas a este apartado da vida cultural, xornais… as palabras que se empregan nel son utilizadas por todos, pero o problema é que moitas destas son castelanismos e outras palabras procedentes do inglés (lingua hexemónica) que non sempre son ben recibidas polos galegofalantes. A información do mundo dos deportes en especial do fútbol chega a nós por televisión maioritariamente en castelán e por xornais case exclusivamente nesta lingua.
Pero se temos Radio Galega e a Televisión de Galicia, dous medios de comunicación que realizan un gran traballo a prol da lingua galega, precisan de termos axeitados para facer correctamente as críticas deportivas.

O BALONCESTO

É outro deporte base da sociedade. Neste apartado compre destacar:
En 2008 a actuación da Xunta de Galicia e a Federación Galega de Baloncesto ao promover a actuación de normalización lingüística nos clubs:
-A entidade deportiva comprométese a ditar en galego materiais de identidade, corporativa, documentación…
-Deseñarase e publicarase o Vocabulario Galego de Baloncesto coa supervisión da Termigal e crearase un punto de asesoramento lingüístico para o persoal de Fegale, ademais das ferramentas necesarias para que os clubs dispoñan dunha páxina web en galego.
-Os xogadores e xogadoras foráneos disporán dun kit de inserción lingüística e traducirase a documentación internacional sobre o baloncesto.

DENDE UN PUNTO DE VISTA MÁIS PERSOAL (TENIS E VOLEIBOL)

Para min o deporte é algo xenial. Dende moi pequena xoguei ao tenis e uns anos despois incorporeime tamén ao equipo de voleibol de Rianxo. Durante todos estes anos vivín todo tipo de experiencias e vin como a lingua galega nalgunhas ocasións era desprezada.
No tenis xoguei contra xente de numerosos lugares: Barbanza, Vigo, Coruña.., contra mulleres e homes e nalgunhas ocasións con persoas que me levaban ata dez anos de idade. A maior parte destes tenistas falaban galego ao igual que eu e durante esta traxectoria como tenista non vivín ningunha discriminación da nosa lingua a excepción de que algunhas das miñas contrincantes empregaban o castelán como lingua habitual ou máis ben un castelán mal falado no que non empregaban, salvo en escasas ocasións, verbos compostos.
En canto ao voleibol só nunha ocasión vin ao galego tratado con inferioridade. Hai dous anos as xogadoras do equipo de voleibol Mexillón de Ouro fomos  xogar o provincial a Coruña para clasificármonos para entrar na liga galega de voleibol. Eramos catro equipos: dous natais de Coruña, nós e outro de Cee. Nós e as rapazas de Cee falabamos
galego mentres que nos equipos coruñeses falaban en castelán. Logo de xogar unhas contra outras fomos á entrega de premios e alí tivo lugar unha gran discusión entre as coruñesas e as de Cee meténdonos a nós na liorta orixinada. As rapazas coruñesas comezáronnos a atacar simplemente porque falabamos galego aplicándonos o apelativo
de “as do monte”. Nós defendémonos dicindo que para ser tan educadas tiñan tan poucos coñecementos xeográficos que nin sequera sabían que Rianxo é un pobo mariñeiro.
Finalmente os adestradores mandáronnos subir ao autobús e cada unha para a súa casa, é dicir, para a súa vila.
Nesta ocasión foi cando vin máis acentuada a necesidade de defender o galego pois se non somos nós, os habitantes de Galicia, quen senón vai  defender a nosa lingua, a e a nosa cultura?
A páxina web do meu equipo de voleibol está en galego ao igual que a páxina dos demais equipos dos arredores: Noia, Boiro.. e a da Federación Galega de Voleibol, o que é unha mostra das melloras conseguidas tendo en conta que uns anos atrás iso non sería posible.

CONCLUSIÓN E CONSELLO

Na actualidade no mundo dos deportes así como nos demais ámbitos da sociedade (ensino, igrexa, mundo económico, familia, medios de comunicación…) a lingua galega conseguiu mellorar a súa condición pero cun pouco de esforzo de todos nós chegaríamos a converte a Galicia nunha sociedade sen prexuízos lingüísticos e a eliminar todo tipo de
comportamentos diglósicos que aínda perduran na sociedade. Eu animo aos galegos e galegas a loitar polo seu, porque se o galego noutras épocas foi lingua predominante, porque non o ha de volver ser nun futuro quizais non tan afastado? Ser lingua non é fácil, frecuentemente outras con máis prestixio que ti atácante. Poñámonos no lugar do galego e loitemos nós por el, pois ao fin e ao cabo é a lingua galega quen nos representa, quen
representa a Galicia, aos galegos.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.