Imaxe de cabeceira
Nós, normalizando
“No meu mar, na miña lingua” vaise coñecendo

Como xa fixeron un par de reseñas da devandita publicación, xuntámolas aquí por se non as vistes. Agradecémoslle as palabras a Lucía Seoane no Faro de Vigo, o 22 de marzo pasado, e mais as de Armando Requeixo dous días despois no seu blogue. Esperamos que vos gusten.

 

 

O crítico Armando Requeixo, no seu blog Critalia: armandorequeixo.blogaliza.org, publicou a seguinte recensión da nosa publicación. Reproducímola aquí de forma literal e convidámosvos a lela.

Debaixo podedes ler a de Lucía Seoane no Faro de Vigo.

 

 

Recuperando o noso léxico mariñeiro (publicado o 24 de marzo de 2012 por Armando Requeixo)

En ocasións, a maridaxe entre un profesorado emprendedor que saiba estimular no seu alumnado a capacidade de (re)descubrimento dos saberes da súa contorna vital para integralos na aprendizaxe escolar e mais o pulo duns discentes motivados e dispostos a aprender a ciencia calada dos seus maiores e veciños produce felices resultados. É o caso do volume No meu mar, na miña lingua. Léxico de embarcacións e deportes náuticos, editado por Toxosoutos e elaborado colectivamente por un conxunto de trece profesores do IES Félix Muriel de Rianxo.

Moi amplo e documentado, este dicionario de verbas mariñeiras naceu a partir dun traballo de investigación terminolóxica do Equipo de Normalización Lingüística do amentado centro e desenvolveuse entre os cursos escolares do 2007 ao 2010.

Contando coa complicidade de carpinteiros de ribeira, mariñeiros e traballadores de estaleiros, o alumnado cumprimentou enquisas de vocabulario que logo foron depuradas e fixadas lexicograficamente polo profesorado coordinador, quen as dispuxo para a súa edición en campos temáticos, acompañándoas de numerosas ilustracións e mapas léxicos e engadindo, a maiores, á tradución de cada voz galega ao portugués, inglés, francés e castelán.

Un traballo este No meu mar, na miña lingua. Léxico de embarcacións e deportes naúticos modélico por canto amosa as extraordinarias posibilidades que poden xurdir do traballo compartido entre alumnado e profesorado, xuntos nesta ventureira angueira de recuperación do patrimonio lingüístico de noso, aquí definitivamente rescatado grazas á xenerosa aposta editorial de Toxosoutos.

 

Navegar Galicia Investigación terminolóxica
Lucía Seoane  (22/03/2012)  

A Editorial Toxosoutos vén de presentar No meu mar, na miña lingua. Subtitulado “Léxico de embarcacións e deportes náuticos”, o volume vén ser o resultado dun traballo de investigación terminolóxica levado a cabo polo ENDL do IES Félix Muriel ao longo de tres cursos académicos –2007–2010– no transcorrer dun proxecto máis amplo denominado, precisamente, como o título do propio libro. Certamente,un esforzo que nos achega unha magnífica información acerca non só de apartados léxicos, senón tamén etnográficos de vital relevo na nosa cultura. Alén diso, o texto non descuida a información actual, polo que estamos diante dunha ferramenta de grande utilidade e non, como adoita acontecer en ocasións, diante dunha simple recolla –por máis que importante– da memoria. A vitalidade, a presenza do mar do noso país, das súas xentes, tradicións e do devir cotián percorre as páxinas desta entrega onde aprendermos que é un “estrobo”, que cousa significa “barraganete” pero onde –mediante unha adecuada presentación gráfica– comprobamos tamén a conformación dun arco de batea. Parabéns

 

Falan de nós…



Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.