Imaxe de cabeceira
Sabías que...
23 DE ABRIL: DÍA DO LIBRO

O 23 de abril celébrase o día do libro, conmemoración internacional que ten como obxectivo fomentar a lectura, a industria editorial e a protección da propiedade intelectual a través dos dereitos de autor. A elección desta data non é casual pois conmemora a morte en 1616 de dous grandes autores: Cervantes e Shakespeare (aínda que a realidade non é exactamente así: Cervantes morreu o 22 e enterrouse o 23, mentres que Shakespeare morreu o 23 de abril do calendario xuliano, que correspondería en realidade ó 3 de maio). A eles súmase nesta data a morte do Inca Garcilaso de la Vega, escritor e historiador peruano, recoñecido por ser o “primeiro mestizo” que foi capaz de asumir e conciliar as súas tradicións culturais: a indíxena americana e a europea. En España conmemórase esta data dende principios do século XX, e ademais faise coincidir coa entrega dos prestixiosos Premios Cervantes, un dos maiores galardóns outorgados aos autores hispanos. En Cataluña o 23 de abril celébrase tamén o día do seu Patrón San Xurxo (Diada de Sant Jordi) que, ademais, ten un carácter reinvindicativo da cultura catalá. Nesta data forma parte da tradición regalar un libro e unha rosa á parella ou persoas queridas. A UNESCO (Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura) promulgou a celebración desta data con carácter internacional en 1995. Dende 2001 cada 23 de abril diferentes capitais do mundo son nomeadas Capital Mundial do Libro, realizando distintas actividades culturais (en bibliotecas, museos, rúas…) relacionadas co libro. Durante 2011 foi Bos Aires a capital que desempeñou este cargo e o próximo 23 de abril será substituída por Ereván, capital de Armenia. A elección desta cidade de Ereván foi motivada pola calidade e variedade do programa proposto, “moi detallado, realista, ancorado no tecido social da cidade, centrado en aspectos universais e coa intervención de todos os actores da cadea do libro”, segundo os membros do comité de selección composto por representantes das tres principais asociacións internacionais do sector do libro e a edición, así como da UNESCO. Ademais desta celebración do día do libro hai outras datas que merecen ser destacadas como: o 2 de abril (Día internacional do libro infantil e xuvenil), o 19 de marzo (Día mundial da poesía) ou o 17 de maio (Día das letras galegas).


María Míguez



Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.