Imaxe de cabeceira
PROXECTOS DO EQUIPO / Proxectos feitos / 100 primaveras máis lendo en galego / Textos de Cunqueiro
Unha siria en Ribadeo


Un día, xa fai anos, volvendo eu de Mondoñedo a Vigo, parei nun forno a mercar unha fogaza de pan de acolá, atopeime alí con Carlos Pillado, un compañeiro meu de escola, máis conocido naquela bisbarra por Carlos do Herdeiro. O Carliños sempre confiara muito nos meus saberes. Sendo como era Carlos mui curioso da poboación do mundo, acostumaba a interrogarme cando me atopaba:

─¿El como son os polacos? ¿Que xentes hai no Canadá?

Eu respondíalle inventando, por exemplo, os costumes dos polacos.

─O que máis lles gusta aos polacos é o sentarse a carón dun lume, descalzarse, e limparse os pés con cinza, especialmente polos entrededos. Fano así aínda que haxa visita de cumplido, e non beben deica non finaren con esta limpeza.

¡Vaia cos polacos! Tamén me preguntaba meu amigo si eu sabía algunha palabra chinesa, quén inventou as señas da brisca, e quén sería o primeiro de Lugo que viaxou á Arxentina, cousa que o preocupaba muito. Un día sorprendeume preguntándome algo dos búJgaros, e eu conteille aquela historia de Enver Pachá, o xeneralísimo dos turcos nos Dardanelos, cando lle levaron un prisioneiro, que estaba terque en que era turco, pro o Enver Pachá que era búlgaro e espía. Pra saír de dúbidas, o xeneralísimo mandou que o botasen á caldeira do barco, un monitor, no que tiña o seu Carto Xeral. Enver Pachá arrimouse á porta da caldeira, e púxose a escoitar. Ao pouco, sorrindo, volveuse aos oficiais presentes e comentou:

─Tiña eu razón. Era búlgaro, que lle estoupou a cabeza.


Que esto era, ao parecer, característica dos búlgaros.

 Un día atopoume nun café, en Lugo, e levoume aparte. En voz baixa, porque ninguén ouvise e eu non desmerecese, díxome que estaba equivocado no que respecta aos sirios. Parece ser que eu lle contara un día, alá polos anos trinta, que os sirios eran todos cativechos, casi enanos os máis, e a maioría de oficio xardiñeiros, e cando querían saír do seu país sin pasaporte, disfrazábanse de paxaros. Vaia, de milanos ou de voutres, e algún era tan pequeno que saía de corvo. Carlos do Herdeiro contábame agora que el vira unha siria de corpo enteiro, alta, branca, peitugona. Un de perto de Ribadeo, que estaba empregado en Buenos Aires nunha casa de empeños, casou alá cunha siria cristiana, e tróuxoa a conocer Galicia. Carlos enterouse do asunto nunha feira da Veiga, e sabendo que o matrimonio galego-siríaco estaba almorzando nun restaurante de Ribadeo non resistiu a tentación de ir ver cómo era a levantina.

─Estaba tomando piña de postre, e ao rematar limpouse moi ben coa servilleta. Ergueuse ollando pra min. Era alta, a perna longa, muito peito e o pelo mouro. O camareiro preguntoulle si xantara ben e ela dixo, con acento arxentino, e voz máis ben ronca, quizabes por un catarro fortuíto, que todo estaba mui sabroso.

Carlos quedouse pensativo cando eu lle asegurei que na Arxentina, o sirio medra moito, case como un alemán, e tamén que siria que casa con galego medra arredor de dous pés nos primeiros anos de matrimonio. E que é soio por esto polo que as sirias buscan galegos con quen casarse, e que cando medraron o que lles forza a semente do galego, van e divórcianse, entón casan con outro máis do seu gosto. Por exemplo cun italiano, que lles dá áer co sombreiro novo. E Carlos do Herdeiro non sabía si darme creto ou non.

Texto de Cunqueiro para ilustrar



Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.