Imaxe de cabeceira
PROXECTOS DO EQUIPO / Proxectos feitos / 100 primaveras máis lendo en galego / Textos de Cunqueiro
A orella dereita de Antón Leivas

Antón de Leivas vivía cos seus pais e irmáns en Vilarelle, na casa que está mesmo á beira da fraga de Unces. Era un mozo de vintecatro anos, de mediana estatura, e arroibado, como soen ser os de Vilarelle. Os Leivas tiñan unha boa labranza, e era seu o bosque de Portela, que por derriba do camiño todo é un faiedo. Un domingo calquera, ao saír da misa, un amigo de seu chamou a Antón de Leivas aparte.

-Estiven detrás de ti na misa, e non me cansaba de mirarche a cachola, que tes a orella dereita muito máis grande que a esquerda. ¡Antes nona tiñas así!

-Pois no servicio militar non me dixeron nada -replicou Antón, levando a man á susodita orella dereita.

Xa na casa, consultou coa nai e irmáns, e todos atoparon que a orella dereita lle medrara máis do debido, e engordado embaixo. A orella, asegún o parecer da familia e dos veciños, seguíalle medrando a Antón. Este andaba cismando no choio, e decidiu ir de menciñeiro, a un que había en Liñares, que se chamaba Secundino, e que sempre comentaba que se adiantaba en dar as doencias de Xan ou Pedro aos millores médicos de Lugo. O señor Secundino estudoulle as orellas a Antón, mediullas, e logo de pensalo un pouco, comentou:

-¡De boa te libraches! Ibas ter un apostema finchado nos interiores, e nun descuido pasóuchese á orella, donde está benigno.

Antón voltou a Vilarelle máis tranquilo. A orella deixara de medrar, según os que acudían a mirarlla. Un día unha veciña, viúda dun garda forestal, coruñesa ela, mui branca de pel e aínda de bon ver ademirando a orella de Antón, preguntou si se escoitaría algo dentro dela, e acaroando a súa orella esquerda á famosa de Antón, e a súa meixela á meixela do mozo, exclamou:

-¡A mar! ¡Escóitase a mar como nas caracolas mariñas!

E dende entón muita xente, especialmente nenos, quería escoitar a mar na orella de Antón de Leivas. Hasta quixo María de Don, unha moza mui garrida, que nunca lle fixera caso a Antón. María agora pasaba as horas escoitando a mar na orella de Antón, e sorría. E tal foi a cousa que fixéronse noivos, e casaron. María díxolle a Antón que non quería que a coruñesa, a viúda do garda forestal, volvese endexamais a escoitar na súa orella a mar do Orzán. Nenos, os que quixeran.

María tiña un irmán en Venezuela, e ao verán seguinte ao maio da súa voda con Antón, chegou a Vilarelle de vacacións. Moreno, mui elegante, con zapatos brancos e fumando roibo, e con gran variedade de corbatas e sombreiros. Abrazou ao seu cuñado Antón, mirouno e remirouno, comparou as orellas delambas, e levouno a carón do palleiro pra falaren sin seren ouvidos.

-¡Oye, chico, esto es una vaina! ¡Tienes las dos orejas iguales!

-Pois todo o mundo me ve a dereita meirande que a esquerda… Ademais, escóitase nela a mar.

-¡Eso es lo que los periodistas científicos de Caracas llaman “un caso de sugestión colectiva” y nada más.

-¿Non llo dirás a ninguén? -inquiría Antón, entristecido.

-¡Que vaina, cuñado! ¡Yo como un muerto!

Antón respirou, porque lle estaba sacando algúns cartos á orella dereita. As nais traguían os fillos raquíticos ou que non medraban, e frotaban as súas cacholiñas contra a orella de Antón. Este cobraba tres pesos por sesión, e as nais agradecidas deixábanlle de regalo un queixo ou un pito. Antón estaba desexando que o cuñado se volvese pra Venezuela. Porque en canto estaban soios, non facía máis que comentarlle:

-¡Un caso célebre de sugestión colectiva!

Texto de Cunqueiro para ilustrar



Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.