SUSO DE TORO
Trece badaladas
Edicións Xeráis de Galicia
1ª edición: marzo 2002
ISBN: 84-8302-788-7
Deseño da cuberta: Miguel Vigo
Ilustración de portada: Manuel G. Vicente
SUSO DE TORO (Santiago, 1956), guionista para televisión e colaborador habitual de prensa e radio, publicou en galego máis de vinte libros de narrativa, teatro e ensaio. A súa obra foi traducida a varias linguas, sendo obxecto de estudio en diversas universidades europeas. Entre os seus títulos, destacan a obra de teatro Unha rosa é unha rosa (1997) e os libros de narrativa Caixón desastre (1983); Polaroid (1986); Land Rover (1988); Ambulancia (1990); Tic-Tac (1993), Premio da Crítica Española; A sombra cazadora (1994); Conta saldada (1996); Calzados Lola (1997), Premio Blanco Amor; Círculo (1998); Non volvas (2000), Premio da Crítica Española; e Trece badaladas (2002). Escribiu, tamén, libros de xornalismo e ensaio como Parado na tormenta (1996), Eterno retorno (1996), O país da brétema (2000) e A carreira do salmón (2001)
Unha escritora ten dificultades para entrevistarse co director dunha productora de cine e coñecer a súa opinión, ,sobre un guión que lle presentara. Cando finalmente o consegue, averigua que o seu texto nunca lle fora entregado ao productor, quen identificará no argumento daquela historia de sombras unha ameaza que lle resulta moi próxima a súa vida. A investigación dese enigma inquedante unirá aos mozos nun abrazo dramático, nunha historia de dous amantes sen esperanza.
Trece badaladas é un relato que arrinca dun antigo acto de rebelión, moi afastado no tempo. Unha indagación sobre a memoria dunha cidade que é un labirinto hermético sobre un mar de pedra. Un paseo polos dilemas e as procuras de espiritualidade. Unha narración concibida como forma de coñecemento. Unha inmensa novela abovedada de misterio, construída como unha rexa catedral románica.
O libro empeza así:
Aínda que pareza pai, son padrasto deste libro pois o meu papel é o de editor, xa que a autora non quixo figurar como tal. Os motivos non os sei, as relacións entre un autor e a súa obra son ambiguas e máxicas, fantasmagóricas. Un día chegoume por correo un disquete que contiña o libro Trece Badaladas, cunha nota manuscrita asinada co nome Celia na que a autora me pedía que o publicase como libro baixo o meu nome; ela renunciaba á autoría e aos seus dereitos, sen embargo quería velo publicado.
Fíxeno, aceptei ese papel de intermediario ou médium, eis este libro estraño, un libro feito co estilo da súa narradora e coas mañas dunha novelista contemporánea que lle permiten incorporar materiais diversos para construír unha historia. Sendo unha obra común na súa forma, esta historia extraordinaria que a autora localiza na miña cidade impregnoume o ánimo e desde que a lin quixen que fose editada.
Naturalmente que fixen pescudas sobre a autora. Partindo do que conta de si mesma preguntei e preguntei e coido saber quen pode ser, mais prefiro respectar a vontade da autora e, por outra banda, este carácter anónimo vai ben coa maxia do relato. Así pois, só fica o libro ante quen o lea. E se cadra así debería facer sempre o autor, entregar a súa historia e desaparecer logo.
E non son eu quen para afirmar que o que se conta é unha pura invención nacida da imaxinación da autora ou se tomou pé en algo que ocorreu na cidade. O que sei é que, mentres lía a súa novela, pisei nun mundo misterioso e tétrico, e o seu relato foi tan vívido que agora desconfiarei para sempre do que gardan as sombras e as pedras da miña cidade, tan dadas por certo a atraeren os temporais.
E dou paso a esta novela fantasmal, que confeso que primeiro lin levado polo pracer do suspense e que logo relín coma se fose unha misteriosa oración, pois, como toda narración gótica, consegue intrigar e tamén perturbarnos, xa que a literatura en que se coa o sobrenatural ten moito de metafísica. A literatura de misterio ten algo que ver co masoquismo, coa busca de coñecemento escuro a través dunha certa dose de dor. Aínda que a narradora abre a súa novela con citas abondas, quixera que a pedra limiar a ese ámbito de sombras que agarda aí diante a quen le fosen unhas palabras da María Zambrano en que me pareceu ver o espirito co que a escritora teceu o libro.
“O verdadeiro éxito ten que buscarse en escribir sen sombra de temor -nin de esperanza- de que vaia ser publicado. E coido que se dá en… estaba para dicir -mais, ¿e logo por que non?- nos abismos do tempo. Do tempo, que habería que escribir con maiúscula, total; da inmensidade do tempo que paradoxalmente prende en nós e limítanos, do tempo que non nos deixa. (…) Sostennos, envólvenos. E, en sosténdoo, o tempo alza e eleva ao ser humano sobre a morte, que sempre está, ela antes que a nada, ela e non a nada, aí.”
[Opinión sobre "Trece badaladas"->786]
2º bacharelato
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]