Imaxe de cabeceira
PROXECTOS DO EQUIPO / Proxectos feitos / 100 primaveras máis lendo en galego / Textos de Cunqueiro
Rosa Martiño

Non me lembro si esta Rosa Martiño era de Betanzos ou de Noia. Diante da casa onde nacera e vivía cos seus pais, había unha reloxería. Como o reloxeiro era parente dela, un coxo mui bigotudo, Rosiña iba alí cada día, e afíxose a estar entre os relós, e pasaba as horas vendo a seu parente amañar os relós averiados. Cando chegou aos doce anos, dixo que quería adeprender o oficio. Era entón unha mociña roiba, espigada, mui lucida de pernas, e sempre sorrindo. A nai quería que fose peluqueira de señoras, e o pai coidaba que tan lista como era, que seguro que podía estudar pra mestra na Normal de Santiago. E Rosa terqueaba que ela sería reloxeira ou nada.

─¡Non se sabe que haxa reloxeiras en ningunha parte!─decíalle a nai.

─¡Pois entón serei a primeira reloxeira do mundo!

Consultado un amigo crego, dixo que a reloxería era un oficio mui decente, e que si a nena se daba maña e o parente aquel a ensiñaba, e a deixaba por herdeira da tenda, que non tiña fillos, Rosa tiña o porvir asegurado. A Rosa xa todos a conocían pola Reloxeira. Pro a nai non cedía. Iba a buscala á reloxeria do parente, berraba con este, e que nada de facer herdeira á pequena. As cousas puxéronse tan mal pra Rosa, que decidiu marchar para Buenos Aires, coa axuda do parente reloxeiro, que choraba ao perder aquela axudanta. Xa en Buenos Aires, non lle foi doado atopar traballo nunha reloxería. Ao fin, por amistades, tomouna a proba un reloxeiro suízo, viúdo. Rosa probou que sabía mui ben o oficio, e foi mui apreciada. Xa era entón toda unha moza, arroibada, metida en carnes, e seguía sorrindo, e namentras traballaba, tarareaba cantigas galegas. Todos os que traballaban a seu carón, e ainda o suízo viúdo, querían casarse con ela. Rosa daba a todos mui boas palabras, e deixábase convidar ao Colón e a merendar patatas á inglesa.

Un día chegou á tenda un brigadier que se chamaba Borges, e era home con muito mando, e andaba o máis do tempo a cabalo, vixiando as avenidas da capital. Unha sociedade italiana agasallárao cun fermoso reló, pro cando o brigadier Borges quixo poñelo en hora e darlle corda, resultou que o reló non andaba. O suízo viúdo doullo a Rosa pra que o reparara. E tras dúas horas de estudo do reló, Rosa díxolle ao patrón que aquel reló non estaba feito pra andar, que non tiña as pezas precisas. O suízo viúdo estudou tamén o reló, e tiña razón a Rosa: eran catro pezas cuadradas e unha especie de mecha todo o que tiña dentro. Chegou o brigadier a buscar o reló, e déronlle a noticia de que era un reló de trampa, todo apariencia, e que tal como estaba a ciencia da reloxería, que non podía andar. Que quizabes andivera cando viñeran outros adiantos, pro que no día en que estabamos que non, e que máis parecía burla. O brigadier saíu a cabalo a buscar aos italiáns do agasallo, pro nonos atopou. Ao día seguinte caíu do cabalo, cando saía a seguir a busca dos calabreses, e morreu dun ataque ao corazón. Co disgusto e a rabia.

Ninguén veu buscar o falso reló. Rosa seguía sorteira, e de vez en cando tomaba unha hora pra estudar a peza, que tiña unhas fermosas tapas, cunhas corzas en releve. Unha mañán, co reló na man,  cheiroulle a queimado. Abriu o reló e estaba ardendo aquela mecha marela que tiña, e toda a maquinaria púxose ao roxo vivo. Rosa tirou o reló ao chan. O reló estoupou. Era un atentado contra o brigadier Borges, preparado polos italiáns, e que se produciu cun ano de retraso. Rosa saíu en xornais e revistas, e aparecéronlle muitos pretendentes. Ao fin, como sempre estaba pensando en volver a Noia ou a Betanzos, casou cun piloto mercante. pro resultou que o piloto non quería seguir navegando, que o que quería era exercer o oficio de reloxeiro. O suízo viúdo meteuno na súa tenda. Así é a vida.

Este é un dos textos de Cunqueiro que están ilustrando



Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.