Imaxe de cabeceira
Nós, normalizando
Entrevista a Suso de Toro (2ª parte)

 

Nese mesmo artigo tamén di que é unha mágoa que autores coma vostede desistan de continuar o labor da creación literaria de calidade en galego, se vostede que é un dos grandes o deixa, que farán autores menos coñecidos e menos galardoados, escribir sobre a empanada de berberechos da ría?

Entendo que cada escritor ou escritora realmente teñen as súas tarefas persoais. Estou seguro de que quen ten vocación, cousas que dicir e enerxía pois ten que atopar o momento para escribir. O que acontece no meu caso é que a escritura non pode ser tampouco por encarga do teu país. A escritura é algo moi persoal, sae do íntimo e non o podes facer por encargo. Debe ser unha expresión, unha vocación e un estado de ánimo.

Chega un momento en que vin que a vida estábaseme facendo complicada para vivir da escrita.  Cada vez tiña que facer máis colaboracións en prensa para seguir sendo escritor profesional. Era un camiño que non me estaba gustando. Cada vez tiña menos tempo para facer o que era propiamente a literatura.

Por outro lado, fun vendo os límites da miña situación. Eu son un tipo de Santiago que que é escritor en lingua galega e quixo vivir na súa terra. O feito de vivir en Santiago e viaxar pouco a Madrid fai que deixes de lado círculos de coñecidos, compadreo, e todo iso. Levo bastantes anos facendo un esforzo grande para vivir do libro e síntome canso e sinto tamén que perdín a ilusión. Sempre dixen de min mesmo que eu non era un escritor galego, eu son galego de nación e cidadanía con compromiso. A Galiza é o meu vestido. Agora ben, considereime un escritor coma eses escritores que admiraba, non me sentín digamos, un escritor cun apelido distinto. O que vexo é que as dificultades que eu teño por vivir nunha cidade pequena que non é coma Madrid ou Barcelona, de viaxar pouco alá, de escribir en lingua galega e outras cousas fan moi difícil seguir vivindo da literatura. Estou moi canso e xa perdín a ilusión, dalgún modo, síntome desilusionado.

Lin algunhas das entrevistas que concedeu a diversos medios, pero unha das que máis me chocou foi a de "Zapatero se ajusta al mito del rey Arturo", por que esa devoción por esta personaxe?

Ben, eu escribín hai anos un libro que se chamaba O pobo da brétema. Escribín precisamente un libro de ficción que é coma unha especie de saga celta que se chama, Morgún. Morgún trata precisamente, da materia das lendas celtas e O pobo da brétema trata tamén diso. É un tema que estudei, lin sobre el e teño escrito cousas sobre iso. Cando eu empezo a estudar a figura de Zapatero e de tentar comprendelo, o nesgo para min máis significativo del foi que el era un descoñecido, é dicir, cando Felipe González, que foi un gran dirixente durante moitos anos, se retira, empezan a ver quen o sucede e tódolos que andaban polo medio era xente coñecida. Entón resulta que un home novo aparece e gaña as eleccións. Quixen entender como era aquilo e vin que era un rapaz, dunha cidade pequena como é León,  que chega e igual que no mito do rei Artur é o elixido. No mito do rei Artur, Artur era alguén descoñecido, estaba todos os cabaleiros intentando arrincar a espada da pedra, e o que sacase a espada sería o rei. Artur que non era un cabaleiro, era un rapaz que chegou e sacou a espada. Pois ben, a min recordoume moito á historia de Zapatero. Asocieino con ese episodio do rei Artur.

Por outro lado é certo que lle teño unha gran simpatía persoal e admíroo, pero xa por motivos políticos. Coido que é unha persoa valente e eu admiro a valentía. Na sociedade española no seu conxunto parece que non se respecta a valentía. Eu estimo a valentía, a coraxe cívica, a valentía da persoa que ten unas convicións, cre nelas, e deféndeas. Pacíficamente, pero con valentía e convición. Nese sentido admiro moito a Zapatero, coido que é unha persoa e un gobernante valente que probablemente non haxa neste momento ninguén que enfrontado a estas dificultades pois que o teña feito ben.  

Algunha vez se sentiu censurado á hora de escribir algunha das súas novelas?

Na hora de escribir, na hora da creación, penso que non, eu coido que escribín moi libremente. Logo vinme censurado. Tiven problemas reais de censura, en Galicia durante bastantes anos, pero xa foron polas miñas ideas e por facelas públicas. Acostumo a dicir o que penso. Teño tido moitos problemas e teño sido castigado. O que máis me doe como escritor é que afoguen os meus libros. Teño vivido a censura dos meus libros en Galicia e tamén a teño vivido en España. Fun castigado por varios medios de comunicación por dicir o que eu penso de temas socias e temas políticos.

No que é o tema da creación algunha vez teño censurado eu mesmo cousas. Falar da censura é un tema complicado. En principio estou en contra da censura artística, agora ben, non todo pode ser contado, nin debe ser contado, nin se trata de que se conte todo en calquera sitio en calquera hora, nin todo debe ser permitido. Estou en contra de que se emitan e se comuniquen as torturas, os asasinatos, a violación e moito menos que se faga en horarios ou en lugares onde poida chegar a eles xente moi nova que atope aí un modelo de conduta. Quero dicir que, para min, a liberdade de expresión ten límites tamén. En xeral, nunca tiven problemas.

Agora vivimos unha democracia, pero moitas veces a xente esquece que hai menos de corenta anos había unha ditadura e despois desta cando se estaba a construír unha democracia houbo un intento de golpe de Estado. A colación de todo isto, que lembra vostede estar facendo o 23-F?

Pois eu vivino moi vivamente, é unha redundancia, pero é así. Estivera en organizacións clandestinas anteriormente e sabía como había que proceder nestes casos se a policía ía buscarte á túa casa e tamén como había que facer para non implicares a outras persoas.  De modo que recordaba todo o que había que facer, cales eran os perigos en caso de golpe de Estado e de que empezasen a prender a todas as persoas que tivesen militancia de esquerdas, ou militancia simplemente democrática. Por aquel entonces estaba nun partido, nun sindicato obreiro, e o primeiro que fixen foi sacar toda a propaganda dos partidos e sindicatos que tiña na miña casa. O que fixen foi tiralo todo por un barranco abaixo porque sabía o que ocorrera daquela e sabía que se esas persoas viñan á miña casa, se me prendían e vían todo iso, había molestar tamén a outras familias, de modo que preferín desfacerme de todas esas fichas e da propaganda. Logo aconteceu que ao chegar a Santiago ao partido no que eu estaba (Partido Obreiro Galego) o que fixemos foi ocupar os nosos postos nos concellos e estar alí toda a noite defendendo civicamente as casas do pobo, as institucións democráticas. Daquela tódolos militantes estivemos toda noite no Concello de Santiago e afortunadamente os militares non saíron do cuartel.

Cre que existe algún aspecto en xeral que nos diferencie do resto de España?

Eu penso que si, que somos galegos e … Que é ser galego? Pois selo, querendo selo, selo aínda que non se queira. Hai un aspecto que non podemos evitar. Hai moita xente que non quixera ser galega, pero éo aínda que non o queira. Hai unha serie de aspectos que se engloban detrás diso, da inevitabilidade de ser galego: naciches aquí e viviches aquí, ou aínda que non naceras aquí viviches aquí. Por outro lado hai outro aspecto que é querer selo.  Eu quero ser galego, quero ser cidadán dun país onde as persoas deste país ou persoas que non o son pero queren selo e que veñen vivir aquí, poidan vivir continuando o noso pasado, continuando os nosos problemas e resolvendo os problemas que herdamos, que traemos, afrontando os problemas novos. É dicir: eu quero vivir o meu tempo no meus país. É unha opción e aínda que quixese ir fóra ou tivese que ir fóra, non querería deixar de ser galego. Non vexo motivo ningún para querer deixar de ser galego, non podo entendelo, non podo entender a esa xente.  Entendo que é unha enfermidade da alma e eu non desexaría non ser galego. Diría tamén que estou moi contento de ser galego. Non penso que os galegos sexan superiores a outras persoas pero teño para min que ser galego ten a súa graza.

Non é moi habitual que aos literatos lles guste o cómic, é máis non é frecuente en xeral. Eu, de feito, detestábao, pero un profesor de lingua castelá descubriume ese mundo fóra de Mortadelo y Filemón, descubriume a Miguel Anxo Prado con Trazo de tiza, -un cómic que contaba unha historia real e ao mesmo tempo irreal- e dende aquel momento lin cómics que el me recomendou e todos me gustaron, dende historias reais nazis como Maus  e outras que tratan sobre o Alzheimer como Arrugas. Que pensa vostede do cómic?

Hoxe por hoxe encontro moitas máis historias que me interesen e historias en xeral tanto no cómic ou banda deseñada coma no cinema. Moitas veces os libros de ficción decepciónanme e coido que aos que nos gusta ler historias e aos que nos gusta descubrir estéticas atopámolas cada vez máis no mundo da banda deseñada, tamén no cinema, naturalmente.

Francia é o país onde a BD é todo un xénero literario e artístico . Nas librerías, de feito, hai normalmente unha parede enteira de literatura policial, gustan moito de ler novelas policiais e teñen tamén unha parede enteira dedicada á banda deseñada. De feito, é onde hai un gran mercado. Animo á xente a descubrir a cantidade de historias, artistas e estéticas que hai nese mundo. É un mundo moi diverso e podo dicir que un libro meu, A sombra cazadora, é unha historia que se me ocorreu a min pero é un libro que ten influencias estéticas do cómic francés, sobre todo dunha revista que se publicaba nos anos oitenta e que se chamaba Metal Hurlant, non sei como se pronuncia en francés, debe ser algo así como “metal burlón”. Aí, nesa publicación, editaban grandes artistas como Moebius que tamén asinaba outro tipo de debuxos como Giraud e historias de vaqueiros e de ciencia ficción. En fin, hai verdadeiros artistas do debuxo, da pintura, grandes guionistas e grandes escritores na banda deseñada.

Agora que voltou á ensinanza, como ve ao alumnado de hoxe en día?

Máis que ver ao alumnado de hoxe en día, vexo a sociedade, porque os alumnos son os fillos dos seus pais, ao final todos somos fillos dos nosos pais. Vexo nas actitudes do alumnado un reflexo da sociedade. Cada vez máis os pais actúan menos como pais, no sentido de axudar a criar aos fillos. Naturalmente, hai casos e casos, pero teño a impresión de que moitos pais e nais non lle poñen aos fillos ningún tipo de limitación porque iso correspóndelles aos profesores. Vexo tamén transformación no campo dos profesores, vexo que os profesores están amedrentados, cada vez máis, en dúas direccións, por un lado a do alumnado e por outro lado, polas autoridades . Son dous cambios que vin despois de pasar dezaseis anos fora desta profesión, unha profesión que cambiou moito estes dezaseis anos, nunhas cousas para ben e noutras para peor.

Estaría disposto a compaxinar a súa actividade como docente coa actividade literaria de novo?

Non me queda tempo. Os profesores agora temos que facer papeis e papeis, estou preocupado sempre de facer os papeis e á parte non podo tampouco polas clases. Estou aínda tomando pé na profesión e non teño tempo, non sei si nun ano ou en dous terei tempo. Escribir unha novela pide moito esforzo e eu perdín a ilusión de pensar se ese libro vai ser lido con atención e vai ser valorado e vai gustar aos lectores. Vivín experiencias de censura en Galiza e en España e nos últimos anos estou notando que os meus libros cando saen, sobre todo da edición en español, son afogados e sei perfectamente que é debido a unha actitude de castigarme. Entón as cousas están como están. Non serve de nada que me cabree ou me desguste nin eu vou cambiar nin España me vai cambiar nin moitas cousas me van cambiar. En todo caso eu non teño forzas.

Unha última curiosidade: que opina sobre a cor que lle da a auga do polbo ás patacas?

Pois é unha cor pasmosa, o que é facer a caldeirada de polbo, porque é unha cor coma de mercurio non? Esa tinguidura  é unha cor que me ten chamado á atención e ben o guiso do polbo de facer a caldeirada votarlle o rustrido é exquisito e, efectivamente, ten unha cor parecida á que fai a cocedura da remolacha, é unha tinguidura intensa, isto non é tanto así pero aseméllase non? É unha cor moi difícil de atopar na natureza e é unha cor moi curiosa e moi bonita.

Moitas grazas Suso.

A vós pola entrevista. Ata logo. 

 




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.