Imaxe de cabeceira
Nós, normalizando
Entrevista a Suso de Toro (1ª parte)

Boa tarde Xesús. Para min é un pracer que vostede buscase un momento na súa axenda persoal.

Esta avaliación recompilamos información sobre os autores españois máis relevantes da última década e eu escollino a vostede entre o abano de posibilidades que me brindaron.

Vostede publicou dende libros infantís, libros de entrevistas, artigos en xornais pasando pola novela negra ata o ensaio.

De que facetas da súa produción como escritor se sente máis orgulloso?

Ben, hai unha cousa coa que empecei e que tamén me dá sentido como escritor, que é ser escritor de ficción. A miña vocación era facer unha obra comparable á dos escritores que eu admiraba, que eran escritores de ficción, escritores de conto e de novela. De modo que eu empecei desa maneira.

Posteriormente, o que acontece é que eu gusto de ensaiar cousas novas e entendo a literatura como un xogo e como desafío e teño que gozar eu escribindo, de maneira que ás veces apetéceme unha cousa e logo apetéceme outra nova, -a ver se son quen de facer isto, ou xa verás que ben me vai ir esta outra cousa-. Logo o que aconteceu foi que decidín escribir historias de ficción, e contos e novelas, pois ofrecéronme a oportunidade de escribir en prensa.

Por outro lado , tiven dende rapaz unha dobre vía. Unha delas era ser artista e a outra era unha vía de preocupación social, sempre tiven unha preocupación social. Entón sempre reflexionei non só sobre a literatura e arredor da literatura das outras artes das que gusto, senón que reflexionei tamén sobre a vida social e os aspectos sociais e culturais. Iso conduciume primeiramente á obra de ficción e logo tamén ós libros de ensaios ou xornalísticos.

 

Cales son os motivos que o levaron dende tan novo a escribir?

 

O que me levou a escribir foi unha vocación baseada nas cousas que a min me gustaban. Gustaba de ler Banda Deseñada (BD) e por outro lado gustaba tamén de imaxinar. Era un rapaz fantasioso e polo tanto era dese tipo de rapaces que escapan ao seu refuxio imaxinario.

Ademais da lectura, o que me axudou chegado un momento a darme conta de que a min o que se me daba ben era iso de escribir, foi que a profesora de lingua celebrábame as redaccións, de modo que claramente fun alimentando esa idea e chegou un momento ao redor dos catorce anos que soñei e imaxineime a min mesmo como escritor. Os soños adolescentes son algo que teñen moita forza e aí se basea a miña vocación.

Cre que o feito de que un autor asine cunha editorial para facer certa cantidade de libros en certo tempo poida diminuír a calidade dos mesmos?

Eu nunca asinei un contrato por unha certa cantidade de libros nun prazo. Asinei contratos para un libro, e un libro futuro, é certo, pero sen cerrar unha data de entrega. Entón nunca me vin nesas. Ben, ás veces si, porque en ocasións o escritor que vive do seu traballo vese apurado polo editor ou pola editora porque existe un contrato para entregar un libro e o editor ou editora insiste para que se entregue antes do verán, para que saia como libro do verán, ou para venderse da primavera cara o verán, ou antes do Nadal para que saia nas festas de Nadal.

Si, algunha vez téñenme apurado os editores pero nunca me vin apurado de tal modo que tivese que entregar un libro antes de que eu quixese. Non sei, esa experiencia será para outros escritores. En todo caso, ás veces esa presión obriga máis a concentrarte. É malo traballar con unha presión moi forte porque a creación literaria é un traballo duro, un traballo de forte concentración mental, entón ás veces resulta malo para a saúde.

Por que debemos ler a Suso de Toro?

Pois nunca respondería eu a esa pregunta dando razón para lelo. Cada persoa ten que descubrir que tipo de literatura lle gusta e tamén que autores lle interesan e iso cando estás acostumado a ler acabas por descubrilo, acabas sabendo que tipo de libros che gustan e que autores ou que autor en concreto, e non hai máis, iso ten que ser unha decisión persoal.

Outra cousa é o que prescriban os profesores durante as etapas educativas. Os profesores de literatura están obrigados a prescribir lecturas, porque non se trata de que cada quen lea o que queira, ten que haber unha especie de canon e debe haber autoridades literarias que digan o que é interesante, e dentro diso eu entendo que pode haber quen diga que é conveniente ler a Suso de Toro ou este libro ou este outro por este motivo. Agora, eu sei que hai lectores dos libros de Suso de Toro porque dalgún modo ven que hai elementos no mundo dese autor que lles interesan. Pero hai a quen lle interesa Suso de Toro e hai a quen non. 

 

Que outros autores importantes contemporáneos a vostede destacaría como preferidos?

De cando en vez un descobre cousas que o ilusionan. Hai un autor que leo dende os anos setenta que é Phillip Rothun escritor xudeu americano que foi evolucionando. Leva como cincuenta anos escribindo e foi evolucionando, e a min gústame. Non todos os libros son iguais, pero gústame nas distintas épocas

Aos autores pásanos coma a cada un na súa especialidade. Faise un moi exquisito. Acabamos buscando as nosas rarezas e non somos bos xuíces dos nosos contemporáneos. Hai un escritor surafricano, Coetzee do que lin algún libro que me gustou moito. Algúns libros del gustáronme e outros aburríronme, tería que mirar con calma.

Xavier R. Blanco di nun artigo que estaría ben que tivésemos representantes coma vostede no goberno, que opina?

Estiven, por así dicilo, en política dende moi novo, na época de Franco. No ano setenta e tres estiven en organización clandestinas e logo militei en partidos políticos e organización legais, durante bastantes anos, en organización sindicais, sindicatos de traballadores, en sindicatos agrarios e estiven en organizacións de distinto tipo. Agora ben, nunca practiquei a política como profesión. Algunha vez sondáronme con algunha responsabilidade pero nunca quixen, porque non sería bo e aí morrería o escritor definitivamente.

Por outro lado, son unha persoa que dependo moito da miña vida doméstica, da miña vida persoal e entendo que a política sepárate moito da túa xente. Se fose unha necesidade que o meu país o necesitase, pois claro que me implicaría na política, pero hai moitas persoas capacitadas para facer política e eu xa teño colaborado dando ideas, aportando crítica.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.