Henrique Monteagudo é profesor de Filoloxía Galega na USC e seica está a piques de ingresar na Real Academia Galega. Hai uns meses publicou o informe Por un proxecto de futuro para o idioma galego, unha reflexión estratéxica sobre o noso idioma. Ante o debate aberto por esta obra, na revista de crentes galegos Irimia fixéronlle unha interesante entrevista.
Ao final da mesma expón a súa visión do futuro do galego. Deixámosvos unhas frases textuais para que leades
Podedes lela enteira en:
Pero deixámosvos aquí unhas respostas moi interesantes:
- Para rematar, poderías resumirnos cales serían as estratexias fundamentais para reverter a situación actual do galego?
Agora mesmo, eu penso que o fundamental é pór en marcha unha nova ‘revolución cultural’ como a que ao longo da década dos ’70 conseguiu revitalizar o idioma galego (que se atopaba nunha deriva desastrosa) e situalo no centro das preocupacións dos sectores máis innovadores da nosa sociedade, e a partir de aí obter un grande impacto social. Sempre digo que na competencia entre as linguas, leva as de gañar sempre a que se asocia á innovación social. O fundamental é abrirse paso na mocidade, e abrirlle paso a esta. O noso país está avellentando a pasos axigantados, e o nacionalismo está arriscándose a quedar como un dos sectores máis conservadores e inmobilistas: o repregamento condúcenos directamente á irrelevancia e a marxinalidade.
E como poñemos en marcha esa “revolución cultural”?
Temos que reconstruír un amplo consenso básico a prol dun galeguismo fundamental, que atravese transversalmente a sociedade. Foi unha traxedia que nun momento dado o nacionalismo se divorciase do galeguismo, e o peor é que está a piques de volver facelo. Para min, non hai nada máis urxente que construír un novo proxecto (de lingua e de país) e articular un novo discurso. Sen esquecer, claro está, que temos que dar a batalla diaria para defender o galego das constantes agresións das forzas centralistas, na política, nos medios de comunicación, na cultura, etc. coa complicidade máis ou menos aberta e máis ou menos activa nada menos que da Xunta de Galicia (comezando polo seu Presidente), a dirección do Partido Popular e outros importantes sectores. E hoxe por hoxe, o campo de batalla crucial é o ensino.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]