Xesús Santos, xunto con Xosé Comoxo, é un dos autores do libro “Rianxo na súa historia” no que trata o tema da Guerra Civil no noso concello. O seu neto Marcos Iglesias Santos, alumno de 1ºESO C, entrevistouno para a nosa revista.
-Como e cando empezou a túa paixón pola literatura profesional?
-Eu non me considero un profesional da literatura nin moito menos. Escribo sen continuidade, fágoo máis ben por sentimentos ou impulsos do momento e con pausas máis ben dilatadas. Empecei a facelo xa nos últimos anos da carreira cando entrei en contacto coa literatura, cos clásicos e co teatro galego. Foi cando tomei conciencia da galeguidade.
-Cando eras pequeno xa che gustaba escribir?
-Os pequenos do meu tempo non tiñamos onde escribir. Compoñía versos de memoria, en castelán, porque para min o galego só servía para falar entre nós.
-Que libros che gustou máis escribir?
-Os de poesía e os de teatro para nenos; porque o neno é poeta por natureza e artista por inclinación. É gratificante escribir para eles, pero é máis difícil conectar con eles, son máis esixentes que os máis vellos.
-Que libro che levou máis tempo escribir?
Os libros de investigación histórica son máis traballosos, requiren máis dedicación e tempo, hai que recoller datos en bibliotecas e arquivos para confeccionar as fichas e logo elaboralas e redactalas.
-Prefires traballar só ou con compañeiros?
-Cando se trata de temas de ivestigación prefiro traballar en equipo. Os traballos de campo lévanse mellor en compañía, sempre que se estea coompenetrado cos compañeiros e se faga unha posta a punto en común. Require unha boa comunicación entre as partes.
-Como mestre consideras que a poesía e o teatro lles gusta ós nenos?
-Tanto a poesía como o teatro son temas que hai que tratar con mimo nas escolas, porque teñen un alto valor formativo. Desenvolven a personalidade integral e fortalecen o carácter.
-Que libro doutro escritor foi o que máis che gustou?
-A poesía de Rosalía de Castro, todo o de Castelao e as narracións de Álvaro Cunqueiro e Dieste.
-Cales son os temas que máis che interesan?
-Co paso dos anos vai cambiando o interese polos temas. Primeiro foi a poesía, despois o teatro, e agora estou metido na investigación da memoria histórica.
-Utilizas o galego para escribir os teus libros?
-A lingua galega é a miña forma de expresión favorita, tanto na fala como na escrita. Non teño nada mellor para comunicarme co pobo.
.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]