Imaxe de cabeceira
Sabías que...
Premio Fonseca 2010

Este ano  o gañador do Premio Fonseca é: Sir David Attenborough.

O británico Sir David Attenborough (Reino Unido, 1926), é posiblemente o naturalista e divulgador máis coñecido do mundo, cunha carreira que abrangue case 5 décadas, tralas cales se pode afirmar que é a cara e a voz máis respectada dos programas sobre natureza e historia natural (unha proba disto é que, por exemplo, hai 4 especies de animais e plantas que incorporan o seu nome: o dinosauro Attenborosaurus conybeari, o peixe fósil Materpiscis attenboroughi, o equidna Zaglossus attenboroughi e a planta filipina Nepenthes attenboroughii).

Hai poucos lugares no globo que el non visitase na súa ansia de descrición da vida no planeta. Comezou a súa carreira na BBC en 1952, dando o salto ás expedicións polo mundo adiante que o farían famoso coa serie da BBC Zoo Quest (1954-1964), na cal xa deu renda solta á súa paixón por capturar as pegadas da vida salvaxe no seu hábitat natural.

Pero sobre todo, a partir de 1979, consagrouse como a principal figura mundial na realización de programas de televisión sobre natureza. Nese ano dirixiu e presentou a serie máis ambiciosa que xamais se fixera sobre a vida animail: Life on Earth, da BBC, que foi vista por máis de 500 millóns de persoas e marcou un antes e un despois na divulgación científica na televisión.

A estas seguiron outras moitas da serie Life, da Unidade de Historia Natural da BBC, nas que se amosaba a vida natural como nunca antes se vira (con polémica incluída, ao amosar imaxes de baleas asasinas cazando leóns marinos ou chimpancés matando a monos doutras especies).

O seu labor divulgativo vese complementado con máis de 20 libros de gran éxito de vendas. Como naturalista, ten sido unha das principais figuras públicas na defensa do medio ambiente.

Á marxe desa actividade destaca polo seu importante rol directivo na televisión británica. Foi Director da BBC2 entre 1965 e 1968, período no cal propiciou o gran cambio á televisión en cor no Reino Unido.

Posteriormente ocupou o cargo de Director de Programación da BBC de 1969 a 1972. En 1973, cando o seu nome soaba con forza como Director Xeral da cadea, decidiu abandonar os labores directivos e voltar á súa faceta de creador de documentais e escritor.

 

O xurado da terceira edición estivo composto por Senén Barro, anterior Reitor da USC; Xosé Manuel Villanueva, Xerente do Consorcio de Santiago; Xosé Denis, Director de programas do Consorcio de Santiago; Ángel Carracedo, Director do Instituto de Medicina Xenómica da USC e Premio Jaime I de Investigación Médica; Xosé María Fernández Pazos, Director do programa “Banda Ancha” da Radio Galega e da revista “Código Cero”, Rosa María Ros Ferré, profesora da Universidade Politécnica de Cataluña e Directora do Programa Nacional “Ciencia en Acción”; Marcos Pérez Maldonado, Director Técnico da Casa das Ciencias da Coruña e polo Director do programa ConCiencia, Jorge Mira.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.