Aquí a crónica en detalle de dous dos alumnos que foron a Polonia. As fotos están no artigo anterior… non as perdades!
Para continuar co programa de actividades da Asociación Escolar Comenius G.A.T.E. , o luns 12 de abril un grupo de 2 profesores e 3 alumnos do IES Félix Muriel emprendemos viaxe a Korczyna, localidade do sureste de Polonia, de onde deberíamos regresar o sábado 16. Debido á coincidencia da nosa estancia co tráxico accidente no que perdeu a vida o presidente polaco e mais co cerre de aeroportos e espazo aéreo en Europa , a nosa viaxe alongouse ata o mércores 21 e converteuse nunha aventura inesquecible na que cruzamos 5 fronteiras e vivimos entre os polacos un momento histórico para o seu país.
O luns 12 voamos a Cracovia e desde esa cidade viaxamos en bus a Krosno, onde as nosas familias de acollida nos recolleron. Vimos que íamos pasar unha semana nun entorno rural cunha paisaxe verde que non se diferenciaba demasiado de Rianxo, a non ser pola falta do mar.
O martes 13 asistimos a clase no ZS Korczyna mentres os nosos profesores eran recibidos polo director e visitaban as instalacións do instituto. Máis tarde vimos as curtametraxes que os catro centros asociados producimos durante este curso para presentar as nosas rexións e os nosos institutos aos demais. De seguido fomos recibidos polo alcalde da localidade e despois visitamos os arredores de Korczyna (onde puidemos ver un carballo centenario e as ruinas dun castelo) e tamén paseamos por Krosno. Pola noite quedamos cos nosos anfitrións Maciej, Bartolomiej e Monika para tomar unhas pizzas e Adrián deulles unha paliza ás cartas e ó billar.
O mércores 14 fomos de excursión a Bardejov (Eslovaquia) onde visitamos a vila e mais un instituto da localidade . Esa tarde vimos todos xuntos ( o chamada pandilla dos seis) unha peli en polaco. Así foi como aprendemos algunhas palabras en polaco que non podemos reproducir aquí.
O xoves 15 pasamos o dia en Cracovia. Impresionounos ver o memorial de Katyn, o claustro da universidade onde estudou Copérnico e onde bebemos da fonte que según a lenda ten unha auga miragreira que debes beber para aprobar. O mellor foi a tenda de rock onde Adrián e Amaro mercaron camisetas e pulseiras. Foi ao volver a Korczyna en autobus cando escoitamos falar por primeira vez da erupción volcánica que nos había reter en Polonia.
O venres 16 puidemos asistir a clase de Educación Física antes da sesión de avaliación da visita cos nosos profesores. O centro polaco conta con varios ximnasios e increibles instalacións deportivas, sobre todo os campos de fútbol e baloncesto, que eran impresionantes.Pola tarde volvemos ir á pizzeria, esta vez non só cos polacos senón tamén cos gregos e alemáns.
O sábado debíamos despedirnos e facer a viaxe de volta pero en vez diso desfixemos as maletas e pasamos o día en Krosno coa nosa panda.
Mentres tanto, según nos contaron, o nosos profesores xunto cos dos centros de Polonia, Alemaña e Grecia buscaban a maneira de volver cada un á súa casa e rebautizaban o proxecto G.A.T.E (Getting Across and Translating in Europe ) co título de Getting Adventure and Trouble in Europe ( aventuras e problemas en Europa).
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]