NEVA venta e fai fume.
vense a xentre tralo lume
i axóugase toda encol
ó cariño do remol.
Fora riba do lousado
óllase por un furado
nevar a copo tendido
e logo a entretecido…
CHEGA a hora d´irse á cama.
O lume xa non dá fume
nin chama.
Tras tantas cousas contadas
van indo acabadas
as ganas de falar.
O ollo do lume
xunta nunha as miradas…
………………………………
Queda a brasa das ragoadas
amontoada no lar.
FIANDEIRA namorada
que fías dertralo lume
cos ollos plostos nas chamas
roxiñas brancas i azules.
fiandeiriña que fías nas noites do longo inverno
as liñas máis delgadiñas
co fío do pensamento.
Cai a neve que fora
riba dos teitos calada
mentras ti fías e soñas
nunha cousiña lonxana…
-FIANDEIRIÑA delgada
Sempre metida a fiar
Sempre a fiar e soñar
Para logo non ser nada.
-Para logo non ser nada
Eso inda está por ver
E pois cas frebas do liño
Ó torcelas de camiño
Algo se ha de prender.
-Algo se ha de prender
I afé que tiñas razón
Que eu estábache mirando
Sin deñar que encantenón
Íbame indo namorando.
1954
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]