Rosa Díez desprézanos aos galegos e ás galegas. A estas alturas xa todos escoitastes as súas declaracións. Nós deixamos aquí o noso comentario.
O enlace ao vídeo está ao final do artigo. Se non o vistes, aproveitade e que non se vos atragoe!
Escoitamos a Rosa Díez, lideresa de UPyD, nunha entrevista concedida a Iñaki Gabilondo para CNN+, dicir do Presidente Rodríguez Zapatero que “podría ser gallego, en el sentido más peyorativo del término” e que o Presidente do PP, Mariano Rajoy “es gallego”. Fóra de estragar o tempo en retrucarmos ou esixirmos rectificacións –para qué, os desprezos e aldraxes só definen a quen os enuncia- cumpriría pensarmos por que razóns, logo de moitos anos de progreso social e convivencia democrática, pervive en certos segmentos da poboación esa ideoloxía ancorada no estereotipo propiamente cañí, carpetovetónico, que valida e celebra como argumentario político estes clixés caducos que alimentan a discordia entre as persoas. Obviamente estamos perante unha forma máis de vedraño clasismo e de reducionismo cultural. Nada hai, xaora, de positivo en negativizar individuos por pertenceren a un determinado territorio. Ben pensado, resulta ridículo retratar a un rival político dese xeito. Máis aínda, calquera formado espectador podería chegar á conclusión de que tales declaracións revelan o nivel discursivo de Rosa Díez, informan da altura da súa agudeza verbal e estabelecen o rango de claridade do seu pensamento. Coma cidadáns, mellor nos viría pensarmos, en troques, noutros líderes políticos que transmitan mensaxes de respecto aos seus rivais, que ofrezan propostas que ilusionen aos seus votantes, que se dediquen a construir espazos de convivencia pacífica sen recorrer a absurdos prexuízos que nada teñen que ver coa realidade dos nosos días.
http://www.youtube.com/watch?v=mo-gKrVl0eQ&feature=player_embedded
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]