Foi unha pena que ao día seguinte houbese temporal, porque só puidemos desfrutar da experiencia nos recreos do xoves e do venres. Chegamos a recadar uns 190 €! Sobre todo o que máis se vendeu foi chocolate, café e bisutería. De todas formas había produtos variados, e todos chamaban a atención: xabóns, tés, bonecos, incensos, cremas e todo tipo de complementos.
O venres día 18 tivemos o pracer de ter connosco a Olaia, unha representante de Panxea. Comercio Xusto. Veu dar unha charla a varios cursos e os de Economía puidemos asistir a unha delas.
Comezou cun xogo: preguntounos quen de nós desexaría ser millonario? Escolleu a catro de entre todos, que serían os ricos e o resto o pobo escravizado. Ela tiña cinco sobres, catro que contiñan un premio e un a bancarrota. Os ricos tiñamos que elixir cadanseu sobre pero con moito coidado. Xusto escollemos os que tiñan premio: roupa, coches con combustible de por vida, electrodomésticos funcionando todo o día sen que nos custe nada…e a costa de todo iso tiñamos que ir eliminando a algúns compañeiros, á xente do pobo. “De verdade queredes seguir sendo millonarios?” preguntounos Olaia despois de ver as que serían as terribles consecuencias.
A continuación ensinounos dous cadros con formas cúbicas. Un amosaba a xente moi feliz e que vivía moi ben: representaba o consumo de recursos, ocio e servizos. Que hai detrás de todo iso? No segundo cadro aprécianse persoas que non son tan felices, están traballando arduamente, en condicións pouco dignas.
Pasou a falarnos dos obxectivos do milenio. Nun cumio internacional no ano 2000 congregáronse 123 países para falar destes puntos. O principal era o de erradicar a pobreza nun prazo de 15 anos. As pautas a seguir son a proposta de outros obxectivos como intentar minorar os casos da SIDA, mellorar a educación dos rapaces, lograr que haxa igualdade de sexos e rematar coa explotación infantil, entre outros moitos.
Ensinounos uns gráficos sobre a distribución dos ingresos mundiais dignos de interese. Mostraban que estes obxectivos non se estaban cumprindo. No 2000 o 67% da riqueza do mundo pertencían aos países ricos e o 1’3% aos pobres. A situación empeorou, porque para o 2007 ata os nosos días o 75% dos bens é dos países adiñeirados e o 1% dos necesitados. Esto é realmente preocupante sabendo que estes países costitúen o 40% da poboación mundial. Eles só viven co 5% dos recursos, é dicir, con menos de 2$ ao día!
Pero se os recursos naturais proceden dos países subdesenvolvidos, entón por que son pobres? porque non consumen os seus propios recursos? Porque isto fano os países desenvolvidos e ricos. Olaia púxonos o exemplo do cacao. A semente desta árbore da familia das Esterculiáceas prodúcese e trabállase en Brasil, en Ghana e en Costa de Marfil. Quen son os principais consumidores? EE.UU. e Europa. Os produtores do cacao só levan un beneficio do 6%, o transporte léva un 22% e a industria e o comercio un 39% e un 33% respectivamente, un total do 72%. Ademais o mercado de cacao está controlado por multinacionais, como Mars, Nestlé e Jacob-Suchard. É isto xusto? Por non falar de que nos últimos 30 anos o pequenísimo e nada equitativa porcentaxe que vai para os produtores empobreceuse nun 60%!
Explicounos un pouco da pésima situación na que se encontra o consumo responsable no noso día. A Pegada Ecolóxica de 1980 mostra que a humanidade excedeu a capacidade global do planeta. Olaia repartiunos cadanseu test de Pegada Ecolóxica. Contaba con preguntas sobre a alimentación tales como “consumes froitas e verduras producidas en Galicia?” e “que fas cos restos de comida que che sobran?”. Outras cuestións eran: “que transporte empregas para as túas actividades diarias?”, “cando usas a lavadora ou o lavalouzas?”, “como usas a calefacción?”, “que fas cos residuos que produces no teu fogar?” e “mantés a billa aberta cando lavas os dentes?”. Seguiunos explicando sobre o consumo irresponsable a nivel mundial, e dounos datos moi alarmantes, como que consumimos recursos naturais a maior velocidade da que ten o planeta para se rexenerar, e que se quixesemos estender o noso modelo de consumo a toda a poboación mundial necesitaríamos os recursos naturais de tres planetas como a Terra.
As características do Comercio Xusto son varias:
En canto ás relacións comerciais:
Hai dúas cadeas de Comercio Xusto. En cada unha participan distintos axentes:
O Obxectivo da charla é conseguir que adoptemos unha opinión crítica e apoiar o consumo responsable. É mellor reducir o consumo que comprar todo de Comercio Xusto. Animóusenos a mudar aqueles hábitos que sexan negativos. Para iso recordounos os ‘tres erres’: reutilizar, reducir e reciclar. Pero ademais engadiulle dúas a maiores: reflexionar e rexeitar. Tamén nos fixo ver a importancia de non deixarnos influír pola publicidade e pola moda, que tanto nos incitan a un consumismo indiscriminado e compulsivo. O comercio tradicional e o consumo inconsciente non son para nada sustentables ecolóxica, económica e socialmente. Máis ben, todo isto vai rachar. O Comercio Xusto non é unha solución senón que é unha alternativa a este sistema totalmente insostible.
A mocidade de hoxe en día temos a obriga moral de enfocar a nosa atención, preocupación e esforzos en temas como estes, pois disto depende o noso futuro.
|
|
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]