Por terceiro ano consecutivo o ENDL do IES “Félix Muriel” de Rianxo consigue un recoñecemento ao seu traballo co premio de Innovación en Normalización Lingüística
Os sete centros galardoados deste ano foron o CEIP Aguiño, de Ribeira, por Mar de mulleres asolagadas; o CEIP A Gándara, de Carballo, co proxecto Mergullados nos mares da palabra; o CEIP A Pedra, de Bueu, polo traballo Galegos e galegas de aquí e acolá; o CEIP Bergantiños, de Carballo, que se presentaron con Casas de aquí e acolá; o CEIP Quintela, de Moaña, por En galego pola rede; o IES Menéndez Pidal, da Coruña, polo proxecto A aldea global: Galicia é máis Galicia cando é todos os mundos; e finalmente, o IES Sardiñeira, tamén da Coruña, premiado por LinguaTIC@s.
Debido á calidade e á cantidade de proxectos presentados este ano, concedéronse un total de catro accésits. Estes recoñecementos foron para o IES Félix Muriel, de Rianxo, polo traballo Abrindo portas en galego; para o IES Perdouro, de Burela, que presentou o proxecto Dinamización Lingüística de Burela; para o IES Rodeira, de Cangas, que fixo Vivir en galego. Queremos. Podemos; e mais para o IES Porto do Son, de Porto do Son, polo traballo 2010. Vinte dez.
Anxo Lorenzo, secretario xeral de Política Lingüística, e José Luis Mira, director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, destacaron tanto a calidade dos proxectos deste ano coma o número de traballos presentados, un total de 68, o que supuxo un aumento do 340% respecto da media dos anos anteriores, situada en 20 proxectos.
Lorenzo salientou "os contidos que o xurado considerou especialmente interesantes", que foron a introdución do audiovisual nas aulas, o achegamento ás novas tecnoloxías, a aproximación á lingua galega en todas as manifestacións posibles e a posta en valor do multilingüismo. Así mesmo, o responsable de Política Lingüística recordou que os proxectos para fomentar a lingua galega, que parten principalmente dos equipos de normalización e dinamización lingüística, constitúen "actividades que teñen que ver con toda a comunidade educativa".
Pola súa parte, José Luis Mira puxo en valor o traballo dos centros educativos e destacou "a necesidade de mellorar a competencia lingüística dos alumnos, que debe implicar a todo o profesorado, axente clave deste proceso e peza angular do proceso educativo".
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]