Imaxe de cabeceira
Sabías que...
SEMANA DA CIENCIA 2009

Entre os días 9 e 22 de novembro celébrase en toda España a Semana da Ciencia neste Ano Europeo da Creatividade e a Innovación. Museos, Universidades, centros de investigación, parques tecnolóxicos ou empresas organizan exposicións, cursos, visitas, talleres, mesas redondas, excursións ou conferencias, achegando ao público en xeral o seu traballo diario, tanto os seus aspectos máis chamativos como os máis descoñecidos.

A Semana da Ciencia está coordinado en Galicia pola Consellería de Economía e Industria, e nestes días de celebración, todo tipo de entidades públicas e privadas, vencelladas coa ciencia, a tecnoloxía e a innovacion, están chamadas a abrir as súas portas e organizar actividades coas que se pretende amosar á cidadanía, dun xeito ameno e accesible, como a ciencia e a tecnoloxía están presentes na súa vida cotiá, desde os elementos máis simples aos máis sofisticados. O obxectivo da Semana da Ciencia é estimular o pensamento, provocar a curiosidade e divertir a un público o máis amplo posible.

Entre as entidades organizadoras atópanse as tres universidades galegas, centros tecnolóxicos, o Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), asociacións, museos científicos e o Parque Tecnolóxico de Galicia, entre outros. Estanse a desenvolver  todo tipo de actividades, cursos, obradoiros, itinerarios didácticos, excursións e xornadas de portas abertas .Polo demais, celebraranse exposicións, ciclos de cine e obras de teatro científico, entre outro tipo de actividades.

Este ano céntrase nas  dúas conmemoracións científicas do 2009, o Ano Internacional da Astronomía e o Ano Darwin. A  astronomía e a teoria da evolución  convírtense nas protagonistas desta edición polo que unha boa parte das actividades estarán centradas nalgún destes temas, aínda que non exclusivamente.

Ano Internacional da Astronomía

A ONU declarou 2009 Ano Internacional da Astronomía. O motivo é o 400 aniversario da primeira vez que Galileo Galilei apuntou ao ceo cun telescopio. A conmemoración do Ano Internacional representa unha celebración da Astronomía e da súa contribución á sociedade, á cultura, e ao desenvolvemento da humanidade.

Ano Darwin

O 12 de febreiro deste ano celebrouse o segundo centenario do nacemento de Charles Robert Darwin e o 150 aniversario da publicación do seu trascendental libro “A orixe das especies”. Aproveitando estas datas, conmemórase no ámbito internacional o Ano Darwin, o obxectivo deste Ano é destacar unha vez máis a importancia, pasada, actual e futura, da obra de Darwin, considerado un dos científicos máis relevantes de todos os tempos pola influencia decisiva que tivo sobre o pensamento moderno a súa teoría sobre a evolución biolóxica das especies por selección natural.





Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.