Imaxe de cabeceira
Deportes
O club “As Torres”

O club “As Torres” fundouse en 1977 mediante unha reunión de amigos e veciños na localidade de Catoira. Elixiron como primeiro presidente a Juan Lorenzo Rodríguez, e foron axudados por Javier Puig dende a Federación Galega.

Os comezos foron moi duros xa que había que buscar socios para comprar material e formar o equipo. Para desprazar os padexeiros e os materiais ás regatas facíano en coches particulares e incluso co camión de “Romero”. O material gardábase na casa do presidente ata que máis tarde “Cedonosa” lle deixou usar o local coñecido como “A fábrica vella”, que se atopaba en moi malas condicións.

En 1983 cámbiase a directiva e o presidente é Juan José Temperán Rodríguez e fai os labores de adestrador Manolo Busto. Neste tempo comézanse a arrombar as instalacións. Na liga o club atópase en 2ª división.

En 1988 Manuel Busto Castiñeira convértese no novo presidente e, despois de deixar a pel traballando para o club, consegue que se faga unha inversión de 500 000 pesetas nas instalacións e ademais trae o primeiro remolque para transportar piraguas.

En 1991 foi nomeado presidente José Ramón Ferradás Rodríguez. Durante o seu mandato conseguíronse facer unha serie de inversións para arrombar o club e, o máis importante, consegue que o concello lle merque a “Cedonosa “os terreos nos que se atopa o club. Tamén se consegue que o concello subvencione o club con 500 000 pesetas para pagar un adestrador e que algunhas empresas privadas lle merquen ao club a primeira lancha de salvamento.

En 1994 Mª Xosé Arriaga Rodríguez é nomeada nova presidenta e Manuel Isorna “Madri” novo adestrador. A partir de aquí comézase a equipar o ximnasio e, coa colaboración de empresas locais e de fóra da localidade, mércase a primeira furgoneta para o desprazamento de padexeiros. Cada ano que pasa o número de socios e de padexeiros medra.

Hoxe en día, a remates de 2009, o club ten como presidente a Andrés Castaño. Manuel Isorna “Madri” segue sendo o adestrador, aínda que hai outros que o axudan como Luís, Fran e Rubén, xa que o número de padexeiros é moi elevado (máis de 100). As instalacións do club seguen sen ser as mellores, os barcos tampouco non están nas mellores condicións pero coa ilusión e o esforzo de todos o club, a pesar da súa humildade e da falta de subvencións, é recoñecido a nivel nacional xa que foi campión da liga nacional 5 anos consecutivos e 3 veces subcampión. Tamén dende hai tres anos participamos na regata internacional de Pas de Calais en Francia onde nunha edición foron campións.

Esta tempada acaba de rematar e conseguimos:
• 2º posto na Liga Nacional Hernado Calleja.
• 2º posto na Copa de España de ríos.
• 4º posto na Copa de España de Pista.
• 4º posto na Copa de España de Promoción.
• 2º posto na Copa Xunta.
• 1º posto na Copa de Ríos de Galicia.
• 3º posto na Copa de Promoción de Galicia.

Á parte disto 6 padexeiros do noso club foron internacionais coa selección española.

Agora que esta próxima a vindeira tempada (o día 30 de xaneiro é a regata de Francia) só nos queda adestrar duramente para tentar volver ser campións e soñar con que se materialice a firme promesa que nos fixo a Conselleira de Deportes do anterior Goberno da Xunta de facer unha forte inversión para reformar as instalacións do club e mercar materiais e barcos novos. ¿Imaxínase alguén un equipo de fútbol de primeira división que gañase a liga tantas veces coma o noso club, adestrando nas nosas instalacións e empregando materiais nas mesmas condicións ca nós?

 

Iván Ferro Herbón (2º A)



Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.