O bretón
Na actualidade fálase na Bretaña francesa baixo a forma de varios dialectos; case todos os seus falantes son ademais francófonos. Apareceu entre os séculos IV e VI cando os galeses e os córnicos emigraron a outras terras para escapar das invasións doutros pobos. Distínguese do galés e do córnico ou lingua de Cornualles polas súas nasalizacións e os seus préstamos que proveñen do francés. O período de maior esplendor corresponde á metade do século XVII cando se escribiron varias gramáticas e xurdiu un gran conxunto de obras narrativas, teatro, lendas e baladas. Durante a década de 1950 estudouse moito. Hai dez anos estimábase cerca dun millón o número de falantes desta lingua, aínda que agora se cre que só existen a metade deles.
O galés
Tamén chamado cámbrico e címbrico polos seus propios falantes, é a lingua da rexión de Gales e unha das máis coñecidas dentro da subfamilia celta. Ademais de falarse en Gales, onde a maioría dos seus falantes son tamén anglófonos, emprégase nalgunhas comunidades dos Estados Unidos e en Arxentina, na que en plena Patagonia se asentaron uns 150 galeses no ano 1865. Algunhas organizacións como a Society for The Welsh Language preservaron este idioma para evitar a súa desaparición e manteñen toda unha actividade para conseguir que teña unha consideración como lingua oficial xunto ao inglés. Na actualidade úsase en moitas escolas de Gales e emprégase na prensa e nalgunhas emisoras de radio. Os que estudaron a historia deste idioma recoñecen tres períodos: o antigo (800-1100), o medio (1100-1500) e o moderno (a partir do 1500). O antigo rastréase nalgunhas palabras illadas, uns cantos nomes e un pequeno número de versos. Ao longo de todos os períodos, o galés foi aceptando préstamos do latín, do anglosaxón, do francés normando e moi especialmente do inglés, aínda que existe un léxico amplo de orixe celta. Conseguiuse identificar corenta dialectos. O galés normativo posúe dúas variedades: a do norte e a do sur.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]