Imaxe de cabeceira
O IES rebole
Getting Across and Translating in Europe: Abrindo portas en galego.

 

 

Rianxo, 19- 23 de Outubro.


Durante esta semana o IES Félix Muriel acolleu a alumnado e profesorado procedente de Nordhorn, Korczyna e Cos, que nos visitaba no que foi a primeira reunión dos membros da asociación escolar G.A.T.E. Foi unha semana moi intensa para todos os que dunha maneira ou doutra participamos no proxecto, sobre todo para os 11 alumnos e alumnas anfitrións do alumnado estranxeiro e para as súas familias. De seguido damos conta das actividades conxuntas que realizamos durante esta semana.

Martes 20 de Outubro.

Así como chegou o alumnado polaco e mais as súas dúas profesoras, con retraso de doce horas por mor da néboa en Varsovia, tivemos un acto de benvida no que as nosas compañeiras e compañeiros da banda de música interpretaron varias pezas tradicionais galegas, entre elas “ A Rianxeira”. A profesora Rosa Suárez fixo unha introdución ao que ía ser esta semana de actividades compartidas. Referiuse ó nome do proxecto “G.A.T.E” e explicou que o noso cometido nesta semana sería “abrir as portas” ós que nos visitaban e eles pola súa banda deberían abrir os ollos para ser capaces de captar a esencia do que nós somos. Despois fixemos un percorrido ata o Castelo da Lúa, e ás 2:30, de volta no instituto, saímos cara á Curota, dunas de Corrubedo e o Castro de Baroña coa intención de que os nosos convidados viran unha panorámica da ría de Arousa e coñeceran algo do noso entorno natural e da historia antiga da nosa comarca. Tivemos a sorte de que, igual que se o programásemos, paraba de chover cada vez que deixabamos o bus para facer unha visita.

Mércores 21 de Outubro

Visitamos Santiago de Compostela. Saímos do instituto ás 8.30 e chegamos de volta sobre as 19.30. O profesor José Maroño, que fixo de guía, ensinounos os lugares máis característicos de Santiago. Visitamos a catedral e déronnos información sobre os estilos artísticos e a historia dese lugar emblemático. Desde o Obradoiro camiñamos cara ao mercado municipal onde os nosos convidados se estrañaron da nosa comida, sobre todo dalgún peixe que nunca viran. Logo, para abrigarnos un pouco da chuvia, entramos a tomar algo quente nunha cafetería da Rúa do Vilar. Ó saír fomos dar un paseo polas rúas e pola Alameda coa intención de facer unha boa foto panorámica de Santiago e das torres da catedral. Pero foi imposible sacar fotos no exterior porque chovía moito. Foi unha mágoa que nos tocara estar en Santiago nun día tan gris pero, por outro lado, esa é a imaxe máis típica da cidade. Acabamos no Centro Galego de Arte Contemporáneo onde nos impresionaron varias das exposicións, sobre todo unha dedicada á artista Dora García, onde se nos incitaba a roubar un libro que formaba parte da obra e onde puidemos ven nunha pantalla en tempo real a expresión de incredulidade nas nosas caras.

 

Xoves, 22 de Outubro.

O xoves saímos do instituto ás 8:30 cara Portugal. No bus fomos alemáns, gregos, polacos e rianxeiros todos xuntos falando, facendo fotos, ríndonos (tanto que os profes acabaron por chamarnos á atención!)
Despois de case tres horas de camiño chegamos á primeira parada: A Basílica de Sta Luzía. Alí tivemos a oportunidade de entrar e subir ao campanario a ver as vistas– que alguén dixo que esta é unha das mellores panorámicas do mundo– e por suposto, a quitar fotos!!
A seguinte parada foi en Viana do Castelo, onde Tina, a profesora de portugués, e algúns alumnos/as nos achegamos a unha oficina de turismo. Para atopala tivemos que preguntar polo menos a unha ducia de persoas e así poñer en práctica os nosos coñecementos de portugués.
Despois de que nos indicaran algúns lugares que visitar decidimos ir á Catedral, non sen antes parar por unhas cantas tendas e, como non, quitamos máis fotos. E como xa estabamos cansados, déronnos tempo libre para facer compras e dar un paseo.
Como a maioría de nós morriamos coa fame, collemos o bus e fomos xantar a Valença . Despois de comer tivemos máis tempo libre para facer o que nos apetecese, sen esquecérmonos das fotos!
Máis tarde xuntámonos todos e subimos á muralla da Fortaleça para mirar a fronteira natural do Miño e…………. quitar fotos!!!
Chegamos de volta a Rianxo ás 19:30. Cada un foi para á súa casa, ceamos e puxémonos guapos e fomos todos para a vila de “fieshta”, como dirían os alemáns.
Sen dúbida foi un día que nunca esqueceremos……….pola cantidade de fotos que quitamos.

O venres era o último día que os nosos hóspedes pasaban en Rianxo,e todos nós queriamos que levaran un bo recordo para o seu país de orixe.
Pola mañá gregos, alemáns e polacos asistiron con nós ás primeiras clases.
Ao rematar o primeiro recreo fomos ver unha obra de teatro ao auditorio de Rianxo. A obra titulábase “Cachái” e criticaba a desigualdade económica do mundo.
Logo da obra fomos para as nosas casas a comer.
Pasamos a tarde cada un de nós co seu hóspede. Ás sete e media anfitrións, hóspedes, profesores e pais acudimos á festa de despedida que lles tiñamos organizada no colexio de Asados, onde había música tradicional (cunha xenial actuación da banda de gaitas Buxaina) e comida a fartar, entre a que había empanada, pan de millo, mexillóns, bolos preñados e bica.
Alí estivemos ata que nos cansamos, bailando coa música galega e sacando unha chea de fotos.
Á noite anfitrións e hóspedes saímos de festa para rematar bailando e trouleando ata a hora de marcharen.
A hora da despedida foi a peor de toda a semana que pasamos xuntos.Con bágoas, apertas, bicos e moitos “voute botar de menos” ditos en inglés, despedímonos deles coa esperanza de volver velos.
Foi unha experiencia incrible que ningún de nós vai esquecer xamais.

 

Bárbara F. Insua (2º Bach C), Clara Suárez (1º Bach C) e Fátima Galván (1º Bach A)



Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.