Imaxe de cabeceira
O IES rebole
Cachai?

Cachai?

 

O venres 23 de outubro de 2009, os alumnos de 4º da ESO, 1º e 2º de BACHARELATO, xunto cos compañeiros estranxeiros e os profesores de Filosofía e Historia, asistimos a unha inesquecible e desconcertante obra de teatro no auditorio rianxeiro. Dirixido polo director e dramaturgo Pepe de Jiménez e representado polos actores Adán Rodríguez e César Desviat, este drama forma parte do proxecto pedagóxico Cachai “Aula Aberta de Filosofía e Ética” .

Profesores de Filosofía, tanto chilenos como españois, quixeron darlle continuidade a esta experiencia. Colaboraron nos seus respectivos países para crear mediante este traballo un ambiente común entre os seus alumnos de tan distintas realidades, unha atmosfera na cal todos poidamos intercambiar pensamentos, emocións e vivencias, abríndonos de tal xeito ao mundo no que nos tocou vivir.

Un deses profesores de Filosofía, Esteban Zamora, foi quen nos recibiu na sala para facer unha breve presentación e entendermos mellor o significado do que iamos ver. Falounos da Ética como unha rama práctica da Filosofía mediante a cal coñecemos o noso mundo e a nós mesmos. De feito para axudarnos a pensar no mundo globalizado no que vivimos, o profesor expuxo algúns datos pavorosos do informe anual de Jean Ziegler, director da PAM (Programa de Alimentación Mundial): cada día morren no noso planeta 100.000 persoas por motivos económicos claros, 850 millóns viven na indixencia, outros 450 millóns non teñen onde vivir e 150 millóns de menores de 10 anos son explotados laboral e sexualmente, todo isto dentro dun planeta que pode producir alimento para o dobre da poboación actual. Un exemplo da situación mundial é Chile. Esteban contounos cómo está alí a situación. Por exemplo falounos do caso de moitos mozos que quedaron orfos e que viven só co lixo, cos desperdicios, con todo aquilo que lle sobra á cidade. Ademais explicounos a situación de moitos deses nenos que forman parte da mafia da droga, e que unha vez iniciados na mesma os seus días están contados, pois aos 21 anos desfanse deles para non correr riscos. Por outra parte recalcou a importancia de que as ONGs desapareceran, posto que ao habituarnos a elas, habituámonos á pobreza. Tamén nos fixo meditar citándonos unha serie de cuestións como, cales son as causas? ata que grao cooperamos con esa situación, aínda que non nos deamos de conta? Ou si podemos facer algo ao respecto.

A continuación representouse o drama. Trátase dunha historia, entre outras moitas similares, que ocorre en Chile. Ambiéntase na noite na que o xeneral Pinochet dá o golpe de estado contra Salvador Allende. Nun dos barrios baixos de Santiago de Chile unha granada estoupou nunha casa onde viven un matrimonio e os seus dous fillos. As consecuencias foron mortais para a parella, só sobreviviron os dous rapaces. Un deles, o máis pequeno, escapou mentres os milicos o querían levar para un orfanato. Posteriormente os dous irmáns reencontráronse e decidiron irse vivir a un lugar máis tranquilo, o nicho dun cemiterio. Debido á experiencia traumática vivida, o neno deixou de falar. No entanto, entre os dous había tal complicidade que o irmán maior manexaba ao pequeno como se dun boneco se tratase, un títere. De tal xeito que lograron gañarse a vida traballando diso nun bar. A dona deste era unha intelectual poderosa que os acolleu e lles ensinou moitas cousas. Non vou contar como é o final, pero si vos podo dicir que é unha historia moi conmovedora que invita á reflexión, cun dramatismo propio da situación que se traza. Trátase dunha traxicomedia que nos ensina polo que pasan moitas persoas cada día. Móstranos unha realidade case imperceptible para nós, que non estamos acostumados a esas circunstancias e esas dificultades.

Hai algúns momentos da obra na que se citan textos filosóficos tales como o fragmento de “Los ojos del murciélago” de Víctor Gómez Pin. Este escrito explica o que significa o proxecto Cachai?: a reivindicación da liberdade, da liberalidade, do esplendor, da lucidez, que dá lugar a un mundo digno, excelente, no cal, aínda que houbese diferenzas económicas e sociais, non habería uns extremos tan negativos como os que hai hoxe en día. Cachai é unha expresión chilena que significa como ves as cousas? como sentes? como comprendes a realidade actual, o mundo actual? de tal xeito que invita a un a reflexionar, a meditar, a descubrir a existencia real e efectiva de todo o que nos rodea, a pensar por un mesmo, a comprender o mundo propio e o do alleo. Desa maneira ínstasenos aos alumnos a aducir sobre a nosa percepción da realidade.

Unha vez falado dos medios, os obxectivos do proxecto educativo son diversos e moi nobres. No rango do coñecemento anímanos a comprender o mundo no que vivimos, implicarnos na sociedade, facéndonos un exame, un xuízo persoal, así como desenvolver a nosa capacidade cognoscitiva e excitar o debate. No plano das actitudes intenta incitar en nós a inclinación ou interese pola Filosofía, e estimular a lectura. A nivel ético tenta perfeccionar as nosas facultades ou leis morais en valores como a solidariedade, a tolerancia, o egoísmo, a compaixón, a igualdade, a inxustiza, a discriminación, a legalidade e a explotación. Ao mesmo tempo quere asentar a crecente convivencia de moitas culturas nas aulas.

Para rematar a experiencia, Esteban abriu un debate facendo un breve resumo da obra. Fíxonos preguntas como se nos pareceu unha situación real, porque ocorren cousas como esas no mundo? quen son os culpables? que podemos facer ao respecto?. Deu énfase ao feito de que nós, como parte do 3% da poboación mundial que conta con todas as facilidades económicas, debemos de ter en conta que todo o que temos (como a educación ou as necesidades diarias físicas cubertas) non son dereitos. Máis ben son privilexios.

Dende aquí agradecemos o enorme esforzo que se está levando a cabo, o traballo que se está realizando en todos aqueles países que participan no proxecto Cachai “ Aula Aberta de Filosofía e Ética” , o cal nos axuda a concienciarnos do mundo real.



Esther Domínguez Alcalde (2º BACH-C)



Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.