Imaxe de cabeceira
Sabías que...
Worldskills

Que son, ou mellor dito, que é a Worldskills? Este substantivo composto tradúcese como “habilidades” ou “destrezas” do “mundo”. De feito, esta é unha organización internacional que busca xente nova para competir naquilo que están estudando ou que se lles dá moi ben. Co fin de conseguilo, organiza competencias tanto a nivel nacional como mundial.

Os días 20 a 24 de abril deste ano tivo lugar a trinta e dúas edición das Olimpíadas de Formación Profesional en Madrid, promovidas pola Worldskills. O Ministerio de Educación, en colaboración coas CCAA, tamén impulsou a entrada de España en Worldskills e organizou este evento nacional.

As especialidades de competición son moi variadas: mecatrónica, carrocería, deseño web, instalacións eléctricas, control industrial, ebanistería, carpintería, perruquería, estética, tecnoloxía da moda, cociña, servizos de restaurante e bar, pintura de automóbil, soporte de rede, fontanería-calefactor, vehículos industriais, confección e moda e coidados auxiliares de enfermería.

Foron dezaoito os participantes galegos que competiron en trece das actividades. Os resultados foron espectaculares, pois gañaron medallas en seis destas materias:

-OURO: Sabela Garrido Comesaña (IES de Teis, Vigo)/PERRUQUERÍA.

Alba Pardo Fernández e Mª del Carmen Aldereguía Prado (IES Marqués de Suazes)/VEHÍCULOS INDUSTRIAIS.

Irene Márquez Fernández (IES Paseo da Pontes, A Coruña)/TECNOLOXÍA DA MODA.

-PRATA: Sara Suevia Barral Naviera (IES Paseo das Pontes, A Coruña)/TECNOLOXÍA DA MODA.

-BRONCE: Carlos Serramito Calvo (IES San Clemente, Santiago)/DESEÑO WEB.

Sandra Rey Novo (IES Paseo das Pontes, A Coruña)/ TECNOLOXÍA
DA MODA.

Os galegos que conseguiron as medallas de ouro, xunto co resto de españois que resultaron gañadores noutras disciplinas, forman o equipo Spainkills. Este grupo representou a España na competición internacional que tivo lugar en Calgary (Canadá) durante a semana do 1 do pasado mes de setembro. Dita competición conta con cincuenta e dous países asociados. Aínda así, os resultados acadados polos nosos compatriotas tampouco estiveron nada mal: Sabela Garrido quedou no posto dezaseis na modalidade de perruquería e Irene Márquez, pola súa banda, situouse no posto número doce na rama de Tecnoloxía da Moda.

Os nosos compañeiros non estaban sós, pois, ademais doutras moitas persoas, o ministro de Educación, Ángel Gabilondo, visitou o campionato interesándose polos participantes e expertos da nosa comunidade.

Os subcampións da competición española, pola súa parte, formarán o equipo representativo da península na competición europea que terá lugar en Lisboa (Portugal) no 2010.

Amais destes campionatos, en España celebrouse tamén a Mostra de Formación Profesional, onde Galiza participou con postos na modalidade de Actividades Marítimas e Pesqueiras, e no institucional da Consellería de Educación e Ordenación Universal.

Dende aquí dámoslles moitos ánimos aos nosos Spainkills e parabéns por chegar a onde chegaron.


Ester Domínguez Alcalde (2º BACH- C)



Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.