Imaxe de cabeceira
Nós, normalizando
O ollo de vidro do 18 de outubro

O noso compañeiro, X.M. Lobato, profe de matemáticas, escribiu un artigo para o diario Galicia Hoxe, publicado na sección Lucerna da Portela, baixo o título Senlleiro ollo de vidro .

Fala da manifestación do domingo pasado, de cómo el a esculcou co seu ollo, que non é de vidro. Fala do noso Castelao e fainos reflexionar.

Pedímoslle permiso para colgalo na nosa revista e que así o poidades ler máis facilmente.

Paseando Castelao polas rúas de Bos Aires, encontrou cun veciño e amigo da infancia, despois dos saúdos pertinentes e intercambio de vivencias, este comunícalle que regresa a Rianxo, polo tanto ofreceuse para traer algún agasallo ou saúdos para as amizades. A resposta do vate rianxeiro. "Visita e saúda da miña parte aquel carballo amigo, que nos facía de portería cando xogabamos ao fútbol".

Os irmáns pinos e os irmáns carballos, que ha traga-la terra, ises si que son galegos.

Tamén semellan galegos, todos aqueles que pregoan o seu galeguismo no Panteón de Galegos Ilustres, diante dos restos de Castelao e outros persoeiros, onde cada ano coincidindo co Día de Galicia fan a súa mesquiña oferta. No entanto, os demais días do ano, cos seus feitos amosan a súa xenreira por todo símbolo de identidade do pobo galego.

O que máis me fireu daquela xente foi que non quixesen falar galego, sabendo que os esqueletes non poden falar ben o castelán.

Mais os doutorados trafulqueiros, habitualmente utilizan o nome de insignes persoeiros galegos, na súa sinxela verborrea pública nos púlpitos, pero as súas actuacións e feitos contrapostos, son os actos delatores que os deixan totalmente espidos de argumentos fiables.

E que nós os galegos ? non debíamos consentir que na fala dos nosos avós...

Porén, no sentir conxunto, dos milleiros de cidadáns que o domingo pasado percorreron as rúas da centenaria cidade pétrea, está a pegada e mais o manifesto profundo do mesmo Castelao, que desde o esqueleto con ollo de vidro, foi quen de dar folgos a cada un dos participantes na multitudinaria homenaxe a Galicia e á súa lingua, para reivindicar o dereito a falar na lingua materna.

Galicia e os seus sinais de identidade non son un legado que pertenza a todos eses que viven de facer política, usurpando ao seu antollo os símbolos dun pobo. A lingua é unha herdanza que recibimos dos nosos devanceiros, ninguén ten dereito á súa utilización partidista.

O domingo, demostrouse unha vez máis que a forza está no pobo, a lingua é do pobo, e o pobo é soberano. Entre nós e cos demais, empreguemos a lingua que inmortalizou Castelao e todos os nosos antepasados.

O ollo de vidro, desde o Máis Alá, entende e fala galego, pero tamén outras moitas linguas. Inmorredoiro trebello óptico, sempre vixiante e sinalando a todo trafulqueiro, que no amparo do poder son ávidos comensais para tan apetitosa lingua.

XOSÉ M. LOBATO



Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.