Imaxe de cabeceira
Nós, normalizando
Carta ao Conselleiro

O Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do IES “Félix Muriel” de Rianxo, tras ter recibido información indicando de que ata o vindeiro ano non van ser convocadas axudas para as actividades dos equipos, envía unha carta ao conselleiro de Educación, transmitindo as súas inquietudes a este respecto.

Rianxo, 9 de outubro de 2009

Sr. conselleiro de Educación:

O Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do IES Felix Muriel de Rianxo e mais todo o equipo directivo, despois de ter recibido información por parte da Secretaría Xeral de Política Lingüística, dependente da Consellería que vostede dirixe, informando de que ata o vindeiro ano non van ser convocadas as axudas para as actividades dos equipos, quere compartir con vostede, como máximo representante da política educativa en Galicia, as súas inquietudes e explicarlle os motivos desta carta:

·         Dende que foron creados os ENDL, ao abeiro do Decreto 247/1995, estes veñen desenvolvendo un papel fundamental na activación da vida cultural dos centros educativos de toda Galicia, que se traduce na programación e realización de actividades nas que participa toda a comunidade educativa (e que en moitos casos transcende moito máis alá dela) e que son fundamentais para axudar á formación do noso alumnado. O ENDL do noso centro sempre cumpriu con estas funcións.

·         Entre estas actividades podemos citar algunhas: a edición dunha revista en formato tradicional e outra dixital, a elaboración de dous blogs e a contribución á páxina web do centro, a difusión da música galega, a organización de múltiples ciclos de conferencias sobre temas científicos ou artísticos, o desenvolvemento de varios proxectos, algún deles merecedor dos premios de innovación en normalización lingüística nos dous cursos pasados.

·         Na realización destes traballos participan de maneira moi activa distintos sectores da comunidade educativa (persoal administrativo, profesorado, ANPAS…, pero sobre todo alumnado) que, aínda que de maneira lúdica, están regalando o seu tempo e esforzos para adquirir e transmitir aos outros valores tan necesarios como a responsabilidade, o respecto polo traballo colectivo e, de maneira esencial, o aprecio pola cultura e a lingua galega. No noso centro forman parte activa do ENDL arredor de 100 mozos e mozas e todo o resto participa en algunha das múltiples actividades que desenvolvemos.

·         Todo este traballo, se de verdade se quere que sexa efectivo, é imposible realizalo sen un labor previo de organización e programación, de aí que unha das demandas reiteradas polos ENDL dende a súa formación foi a necesidade de que xa dende principios de cada curso se fixesen explícitos os proxectos de cada equipo. Só se sabemos cales son pautas que marca a Consellería e con que orzamento contamos para a execución dos nosos programas de actividades, poderemos desenvolver de maneira efectiva o noso traballo. Nos últimos cursos así se fixera e os resultados foran moi satisfactorios.

·         Somos conscientes de que o goberno ao que vostede pertence ten na austeridade económica unha das súas máximas, pero parécenos (e é ben seguro que comparte esta idea connosco) que a educación é un bo investimento e, neste momento, as actividades realizadas polos equipos de normalización e dinamización lingüística son pezas claves na adquisición das destrezas e competencias (non só lingüísticas, senón tamén tecnolóxicas, sociais…) que conforman a bagaxe cultural do noso alumnado.

Por todo o anterior, gustaríanos que se tivesen en conta as nosas razóns e que se revisase esta decisión que, dende o noso punto de vista, resulta moi prexudicial para os centros educativos galegos.

Atentamente

O equipo de normalización                                     

Valentina Formoso (Lg. Galega); Mª Dolores Bretal (Música); Paz Plaza (Lg. Galega); Xabier Vázquez (Lg. Castelá); María González (francés); Rodolfo Piñeiro (Música); Rosa Redondo (Inglés); María Rodríguez (Lg. Castelá); Alfonso Martínez (Plástica); Josefa Gamarra (Física); Begoña González (Lg. Galega); José Maroño (Lg. Castelá); Ana Rivas (Grego);  Xosé M. Lobato (Matemáticas);  Emilio Losada (Ed. Física)

 

 

 A dirección do centro

                                                                                                         

 Rafael Saco (Director); Aurora Lijó (Xefa de estudos);  Dolores Muíños (Secretaria);  Emilio Losada  (Vicedirector)




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.