Imaxe de cabeceira
O curruncho de artistas / Os nosos autores
Publicación de “O ciclo do ano”

Acábase de publicar O ciclo do ano, un de cuxos coautores é Xosé Francisco Noia Souto, un antigo compañeiro do noso centro.

 

A asociación A Regionalista acolle un colectivo de persoas que desde o ano 1992 se vén preocupando polo carácter e a idiosincrasia do noso pobo. Dende hai máis de 15 anos percorre o territorio do país indo máis aló do que son as fronteiras administrativas galegas, pois entende que a cultura non sabe de lindes senón de persoas.

O traballo recollido nas súas páxinas pretende ser un pequeno tributo a toda a xente anóma que fai posible – a través do recordo – a identificación de Galiza coma pobo, é dicir, cunha cultura ancestral propia.

Esta achega amosa o devir dos anos dedicados a recoller todo tipo de manifestacións culturais de raíz galega coma bailes, música, traxes, instrumentos, cantigas… xunto a isto pretende dar a coñecer costumes propios do noso pobo – ás veces do máis curioso como o tocar dos trebóns en Vilariños de Conso para avisar da chegada do recadados de impostos – , curiosidades que moitos  descoñecen e que non é desexable que esmorezan no maxín duns poucos ou no caixón dalgún escritorio.

Inténtase que o lector participe – a través das súas páxinas – da experiencia vivida no seu día e se decate da riqueza do patrimonio inmaterial da nosa terra que está a desaparecer. En sete episodios percórrense as catro provincias galegas destacando en cada unha delas vivencias de carácter etnográfico que xiran en torno ao ciclo do ano.

 

 A nosa cultura está marcada por celebracións – moitas veces de orixe pagá – que marcaban o transcorrer anual en tempos pasados. No estudo escóllense – nun traballo que podería ser inabarcable de non poñer limitacións – momentos claves do ano no quefacer diario dos nosos ancestros, desde decembro coas vivencias de Nadal, pasando polo Entroido, a Semana Santa, os Maios, as Añas (ciclo de millo), a Seitura e finalmente a Tasca do liño no inverno. Unha viaxe circular que comeza e remata nos meses inverníos.

As tres persoas que realizan este proxecto desexan que os acompañemos de “recollida”, termo empregado para viaxes e traballos como os que nesta obra presentan, polos setes episodios que pretenden dar conta dunha pequena mostra do que foi a vida do noso pobo, e da que desafortunadamente cada vez hai menos rastro.

 





Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.