Imaxe de cabeceira
Nós, normalizando
As linguas suman

Os membros da CGENDL, docentes que traballamos nos colexios e institutos no día a día e que, polo tanto, coñecemos a realidade dos centros e a súa situación lingüística, vemos con moita preocupación o problema xerado nos últimos tempos arredor da presenza das linguas no ensino, que derivou nunha confrontación aberta arredor dun ben común que nos tiña que unir, a lingua galega.

Consideramos que a convivencia do galego e o castelán non ten que ser un problema senón unha vantaxe, unha oportunidade para a nosa sociedade. Algo que todos os estudos, e que o sentido común da inmensa maioría da poboación galega avala, vén sendo perigosamente interpretado dende determinados sectores políticos. E máis perigoso é que se trasladen ós centros de ensino problemas que non atenden a razóns pedagóxicas, abocándonos cara a un escenario de lamentable confrontación social.

Ademais pensamos que dende unha perspectiva pedagóxica todos os implicados no ensino deberiamos centrarnos en conseguir que os nenos e nenas sexan igualmente competentes en galego e castelán. Polo tanto, o debate que se ten que abrir é precisamente este: que medidas temos que adoptar para conseguir que os rapaces e rapazas dominen plenamente as dúas linguas, tal e como establece a LOE.

Neste contexto elaboramos un tríptico destinado ás familias que se pode ver no documento anexo, que foi apoiado polos Servizos de normalización lingüística das Universidades da Coruña, de Vigo e de Santiago (aínda que este, por cuestión de axenda, non puidese poñer o seu logo) e mais pola Comisión de normalización de FEREGA.

Por que este tríptico?

porque parece que hai que volver recordar que  o galego é a lingua propia de Galicia; que nos pertence a  todos e todas e non podemos xogar co seu futuro,

porque intereses políticos, que non educativos, veñen de crear un problema no ensino arredor das dúas linguas oficiais que pode derivar nunha perigosa fractura social, polo tanto

COMO DOCENTES pensamos que debemos ofrecer  información rigorosa sobre a aprendizaxe de linguas baseada en estudos científicos que se fixeron tanto dentro coma fóra da nosa comunidade.

Estes parécennos motivos suficientes e razoables para difundir este tríptico entre as familias e a sociedade galega en xeral. Polo tanto, está á disposición de todos aqueles ENDL, ANPAS, direccións de centros ou calquera persoa da comunidade educativa ou relacionada co mundo do ensino, e mesmo da sociedade en xeral, que queira difundilo.

Tríptico da Coordinadora Galega de ENDL



Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.