Imaxe de cabeceira
Sabías que...
A litonimia galega: os nomes das pedras en Galicia. Cultos, ritos e lendas.

Isto é tan só un pequeno exemplo dalgunhas das 24 motivacións ou temáticas distintas que atopei na miña investigación sobre a litonimia galega.

Galicia é un país de pedras máxicas. Os nosos montes están ateigados delas e algunhas foron obxecto de veneración desde tempos inmemoriais. O culto ás pedras en Galicia forma parte da nosa identidade como pobo, era propio da cultura celta e perviviu practicamente ata os nosos días. Pero non todo é herdanza dos antepasados, tamén hai unha forte dose de imaxinación popular nas lendas que circulan arredor dalgunhas penas, tal é o caso das dos mouros. Agora ben, non se adoraban

todas as pedras, só por ser pedras, senón aquelas que tiñan certa simboloxía ou que se relacionaban cun feito trascendente que lle enxergaba sagralidade. Moitas destes penedos chamaron a atención dos nosos antergos pola súa forma, polas características, polas propiedades, pola súa funcionalidade... o que motivou que lles desen un nome próprio que perviviu centos de anos. Deste xeito, hoxe en día atopámonos cun tesouro litonímico que nos fala da importancia dos penedos noutrora. Pedras figurativas, abaladoiras, fecundadoras, curativas, milagreiras, funerarias, delimitadoras, berces de tesouros, escondedoiros de seres míticos e non tan míticos, meteorólogas, moradas de pastores… todas elas teñen nome de seu, e este é o obxecto da miña investigación, estudar as motivacións dos nomes das pedras en Galicia. Detrás do seu significado hai moitas lendas e ritos, que ás veces son o verdadeiro factor desencadeante do nome. Cultos e ritos contra os que sempre loitou a Igrexa, prohibíndoos en primeiro termo a través de concilios en toda Europa baixo ameazas de excomunións, ou en segundo termo convertíndoos en cultos relixiosos vistos desde unha perspectiva cristiá.

 

 

 

Deste xeito, por citar algúns dos milleiros de nomes recollidos no meu traballo, temos nomes debidos á forma da pedra: formas antropomorfas como O Penedo da Señorita (Oímbra) ou O Outeiro Narís (Carnota); formas zoomorfas como O Can Doente (Lousame) ou A Pedra do Elefante (Cangas); formas de obxectos como A Fraga do Escano (Vilariño de Conso) ou  O Penedo do Chapeu (Bande). Nomes como A Pedra Bicuda, A Pena Aguda ou A Pena Redonda fan referencia tamén á forma.

A cor tamén está detrás de nomes como O Penedo Branco, As Pedras Negras ou A Fraga Rubia. Motivados polo tamaño temos topónimos como A Pedra Maior, A Pena Grande ou O Penedo Pequeno. O son que emiten algunhas pedras motivou denominacións tan curiosas como A Fraga do Tambor, A Pedra Cantadeira, A Pedra da Campá ou A Pedra que Fala. O movemento destas tamén deu lugar a apelativos como O Penedo que Bole, A Pedra de Abalar ou  A Pedra Abaladoira. Existen penedos insculturados, cuxo nome fai referencia ao tipo de gravado, como A Laxe das Ferraduras, A Pedra dos Labirintos, A Pena das Cruces... Cóntanse por centos os litónimos que fan referencia á vexetación que medra nas pedras ou aos animais que habitaron nelas, como por exemplo A Pena Hedrada, O Penedo Florido ou A Pena da Uz  para o primeiro caso; e A Pena da Aguia, Pena Corveira, A Pala da Osa ou O Penedo dos Lobos para o segundo. Son moi interesantes os nomes que teñen relación coa actividade do pastoreo, que por desgraza está a desaparecer e con ela un mundo cultural e lingüístico abraiante: A Fraga da Merenda era unha pedra na que comían os pastores, como A Fraga do Caldo; A Pedra do Reló ou A Pedra da Sombra eran as que lle marcaban as horas do día; nos buratos redondos da Pena Queixeira facían queixos; na Pedra da Lan, estendían a lá das ovellas a secar ao sol; e As Manzós eran aglomeracións de pedras pequenas formando unha pirámide que lle servían aos pastores do sueste ourensán como orientación nas serras cando todo estaba cuberto por un manto branco de neve. Tamén hai litónimos que fan referencia a aparicións ou milagres da virxe, como O Penedo de Nosa Señora, A Peneda da Santa ou O Berce da Virxe; así como á pegada dos cabalos dos santos padroeiros de moitas parroquias galegas que liberaron ás xentes de terribles invasións de serpes, formigas... entre estes podemos citar A Pegada de San Pedro (Moaña) ou A Pegada de San Vicente (Porto do Son). Hai penedos que curan enfermidades, e polo tanto o seu nome alude á enfermidade ou a unha parte do corpo humano: O Penedo do Tangaraño (Barbadás), onde acudían cos nenos aqueixados de raquitismo, O Penedo das Verrugas (Celanova), a sonada Pedra dos Cadrís (Muxía) ou A Pedra da Sarna (Carballedo). E como non, temos milleiros de pedras referidas á presenza dos nosos seres míticos máis queridos, os mouros e as mouras, que agocharon tesouros e riquezas por todo o territorio galego. Non debe haber unha parroquia em Galicia que non teña unha Pedra da Moura, Pía da Moura, Casa da Moura... ou un Penedo dos Mouros ou Castelo dos Mouros... Moitos destes nomes fan referencia a verdadeiros monumentos megalíticos como son os dólmens e noutros casos aos castros.

 

I

 

VICENTE FEIJOO ARES



Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.