Imaxe de cabeceira
Nós, normalizando
Visita á biblioteca Concepción Arenal e á Libraría Couceiro

O pasado mércores 15 de abril realizamos unha excursión á capital galega os alumnos que formamos parte do Equipo de Normalización Lingüística e do Club de Lectura.

Visitamos en primeiro lugar a Biblioteca Ánxel Casal. A encargada de guiarnos polos diferentes andares do edificio comezou por explicarnos quen foi Ánxel Casal. Se vós tampouco coñecedes a este persoeiro tedes que ler o artigo que aparece sobre el na sección saber máis desta mesma revista...

 Indo á visita: a guía describiunos a planta baixa: hai un salón de actos, que se emprega moito, onde se fan exposicións tódolos meses; logo hai un gran espazo de ordenadores, por medio dos cales se pode acceder a Internet gratuitamente durante noventa minutos sen precisar carné; tamén hai unha grande hemeroteca, a cal conta con prensa nacional, galega, estranxeira (inglesa, alemá, italiana, francesa...) económica, deportiva... Tamén contén máis de cincocentas revistas clasificadas alfabeticamente e segundo o seu contido (arte, literatura...). Nesta planta baixa tamén está a bedeteca (Banda Deseñada); é a sección máis solicitada. Ten cómics de distintos xéneros: europeo, manga (xaponés), americano... e tamén expositores con explicacións sobre eles.

Logo ascendemos ata o terceiro andar, onde están os libros que non se poden emprestar. Estes libros son para estudar, buscar referencias, investigar... como as enciclopedias, ATLAS, dicionarios de linguas... A encargada falounos do sistema de clasificación empregado na Biblioteca, que é o CDU (Clasificación Decimal Universal). Esta planta conta cunha sala de traballo e con ordenadores.

Baixamos un andar. Alí están os libros de préstamos. É onde están as novidades. Para localizar, emprestar e gardar un deses libros, cada un leva unha referencia nun papeliño pegado á encadernación onde pon primeiro a sala, logo o número da CDU, despois as tres primeiras letras do autor e, por último, as tres primeiras letras do título do libro. Pódense emprestar as obras a maiores de catorce anos, cinco libros durante quince días e unha renovación outros quince. Os socios tamén poden dispoñer durante sete días sen renovación de tres DVDS/CDS. De feito, nesta sala hai CDS, DVDS, fondos de películas moi interesantes, as cales están clasificadas por xéneros (acción, drama, ficción...). A Biblioteca conta neste mesmo andar con reproductores de DVD para ver no mesmo edificio as películas. Hai centros de información que falan sobre acontecementos do momento, por exemplo,  había un dedicado ao centenario de Darwin, ou outro que falaba de literatura, de viaxes, etc...

A primeira planta  é a infantil, dividida en catro cores para diferentes idades. Hai revistas infantís para emprestar a rapaces e rapazas de ata catorce anos. A encargada explicounos que a través da Rede de Bibliotecas de Galicia se poden facer moitas cousas: renovar libros, facer suxestións e incluso, mirar os libros que hai noutras bibliotecas por se non hai nesta. O procedemento é moi sinxelo: primeiro éntrase ao portal da Biblioteca pública de Santiago de Compostela Ánxel Casal. Logo búscase no catálogo. Márcase co rato a obra de interese; saen os exemplares que hai. Por último saen todas as bibliotecas e mírase a signatura, cantos hai, a dispoñibilidade...

Despois de abandonar a biblioteca  fomos á librería Couceiro. Esta conta con varios andares. No soto está a sección infantil e xuvenil. No baixo están os libros en castelán e de turismo. No primeiro piso móstrase os libros en galego. O seguinte piso conta con libros antigos e é onde se levan a cabo actividades culturais. Por último, no terceiro andar atópanse os libros de ocasión e ocio, así como tamén o obradoiro de encadernación. Nesta librería contamos cun amplo repertorio de libros de tódolos temas e a tódolos prezos, desde algúns moi baratos ata reliquias como a que nos ensinou o encargado: o libro galego máis antigo, valorado en máis de corenta mil euros, unha auténtica xoia moi ben conservada e de moito valor para a librería. O propietario contounos, ademais, a orixe de moitos libros, que algúns ían ir para queimar ou que estaban gardados no faiado das casas, pero que agora gozan do seu recoñecemento.

Sen dúbida ningunha, foi unha visita cultural a estes dous sitios moi interesante. 




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.