Imaxe de cabeceira
Nós, normalizando
Viaxe a Peniche-Lisboa 2

O día 1 de abril á media mañá saímos de Peniche para Lisboa en autobús. Chegamos ó medio día e comezamos a nosa visita exprés pola capital, que durou algo máis de 24 horas.

Despois de recoller a Alán, Brais e Joaquín no hotel de Peniche comeza a nosa hora Peniche-Lisboa, onde algúns decidiron xogar ás cartas, outros ler e os máis durmir detrás das gafas de sol (para tapar caras de resaca).

 

 

O primeiro que visitamos ó chegar a Lisboa foi o Castelo de São Jorge. Uns subimos “de eléctrico” (en tranvía), outros a pé pero en dous grupos, un dos cales viviu unha aventura pola Alfama antes de chegar.

Cando por fin chegamos á porta do castelo intentamos entrar sen darnos conta que había alguén pedindo unhas entradas que nós aínda non compraramos. O peor: facíannos desconto pero tiñamos que xustificar que eramos dun centro de ensino. Onde estaba o xustificante? Tíñao a profesora. E a profesora? Aínda non chegara… Vista a nosa impotencia, tivemos que esperar! E para iso tanto apurar!

Foi cansado pero pagou a pena. Mirade:

Disfrutamos moito das vistas da cidade e do río que hai desde alí. O ambiente no castelo era moi bo, ademais dos múltiples estranxeiros que enchían todo, pese a non ser época moi turística, tamén había artistas tocando e diferentes animais como gatos e pavos reais.

Parecéronnos moi interesantes os moitos tipos de canóns que se conservan.

No castelo seguimos subindo ata a torre máis alta.Cansámonos pero pagou a pena porque as vistas eran mellores desde alí, xa que alcanzábamos a ver toda Lisboa e o río entre as dúas pontes, o Cristo Rei da Almada.

Á hora de xantar fomos deixar as maletas ó noso hotel, o Berna. Non estaba mal… o peor é que era moi alto e só tiña dous ascensores que eran unha auténtica aventura, xa que -entre outros detalles- non tiña porta… Houbo que subir e baixar un montón de escaleiras porque nos distribuíron estratexicamente nas nove plantas do hotel.

Logo collemos o metro para ir ó Bairro Alto. Outra odisea! tanto para chegar ó metro (xa que había que atravesar un par de rúas por onde os coches ían a toda velocidade) coma para coller os billetes: máis de 10 minutos para conseguir tikets para os 37! Está claro que o metro non está para as présas dos grupos de excursionistas…

Chegamos ó destino, e alí distribuímonos segundo “gustos”: uns visitamos monumentos, outros fomos tomar algo á Brasileira (que cravada!) ou simplemente sacamos unhas fotos coas estatua de Pessoa, outros fixemos unhas compriñas… Moi aproveitado o tempo.

 

 

 

 

 

O grupo que visitou os monumentos queren deixar constancia con esta foto que sacaron na praza onde está situada a igrexa do Carmo.

Ademais moi próxima a ela está o elevador de Santa Justa, desde o cal se poden ver unha vistas preciosas de Lisboa.

Pola noite unha parte do grupo fomos cos profesores cear a un restaurante típico. Tratábase dunha casa alentejana que estaba moi ben decorada. Tiña varios salóns e un deles destinado a comedor.Comemos carne á aletejana que nos gustou moito. Alí compartimos mesa cun grupo do IES Coroso de Ribeira

Outros decidíronse por unha cea máis internacional, con pizza e coca-cola…

 

 

 

 

O venres día dous de abril acordamos ir á Mouraría para desde alí baixar á Alfama.

Pola mañá cedo comezamos a baixar desde o hotel polo parque Eduardo VII. Estabamos moi, moi cansos pero Tina botounos unha bronca que nos espertou e xa comezamos a andar “sen queixarnos… en alto”.

E logo moito houbo que subir!

 

Esta é a mostra dunhas das moitas escaleiras que hai por todo Lisboa. A verdade é que nos custou bastante subir ata arriba (estamos en baixa forma física) e o máis simpático foi atopar o cartel co nome da “rúa”: “escaleiras da saúde”!!!

Logo baixamos pola Alfama ata o Panteón, onde algúns máis valentes seguimos subindo tódalas escaleiras ata o alto para desde alí disfrutar de máis vistas da cidade. O que mellor se vía era a ponte Vasco da Gama.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.