Imaxe de cabeceira
O curruncho de artistas / Os nosos autores
Carta a un alumno indeciso

X. Ricardo Losada (Rianxo, 1961), profesor de filosofía no IES Espiñeira de Boiro. É socio fundador e secretario da Asociación Cultural Barbantia. Publicou o libro de relatos O xene da chuvia e o ensaio Premio Faustino Rey Romero. Dez anos de poesía. Colabora no suplemento cultural A voz de Barbantia, en varias revistas culturais e publicou relatos nos libros colectivos Voces da guerra e Luces da cidade, entre outros.


Querido alumno:

     Pídesme que che oriente sobre unha cuestión decisiva na túa vida. Se debes estudar Ciencias ou Letras. Como non debo dicirche o que me apetece, Esa distinción é absurda, contareiche unha historia. 

     Sabes que agora temos un sistema de numeración decimal. Un sistema que inventaron os hindús no s. VII e que trouxeron a Europa os árabes. Aínda que xa o usou no s. XII o gran matemático Leonardo Fibonacci, demostrando que permite operar con máis facilidade e rapidez que calquera outro, non se aceptou plenamente ata o século XIX. A razón é simple. Na Idade Media e no Renacemento, había en Europa un gremio de calculistas profesionais, que usaban unhas técnicas moi complicadas que só coñecían eles. Cun método máis sinxelo, a súa profesión desaparecería. Como tiñan moita influencia nos círculos de poder, controlaban a economía e a facenda, pública e privadas, conseguiron atrasar durante séculos a implantación da numeración decimal. Contaron coa axuda da influente Igrexa católica. Non aceptaban un invento que prestixiaría a cultura musulmán. 

     Esa é a historia. Supoño que che suxerirá preguntas. O Sistema Educativo cre que de dous tipos. 

     Primeiro. Gustaríache saber, sobre todo, a historia dos sistemas de numeración. Por que apareceron? En que se diferencian? Por que era mellor o sistema de numeración decimal? Se ese sistema é definitivo ou aínda é posible inventar, quizais ti mesmo, querido alumno, outro mellor. Por que eses marabillosos ordenadores que permiten chatear con mozos de todo o mundo usan un sistema de base 2 e non o de base 10 habitual?

     Segundo. Gustaríache saber, máis que nada, a estrutura social que dominaba Europa naquela época para que fose posible atrasar tantos séculos un avance decisivo. Que tipos de sistemas políticos había? Cal era a relevancia da relixión, e por que se entremetía en asuntos científicos? Cal debe ser a relación entre ciencia e política, entre ciencia e relixión, entre política e relixión? Que ideas cambiaron en Europa para que puidese aceptarse o novo sistema? Está pasando o mesmo na actualidade coa negativa da Igrexa a investigar células nai?  É posible un goberno, quizais presidido por ti, querido alumno, que lexisle á marxe de presións?

     Se che intrigan máis as primeiras preguntas, di o Sistema Educativo, deberías estudar Ciencias. Se as segundas, Letras. Como non me gustan as simplezas, nin contestar abertamente un dilema así (non sabería que aconsellarte), recordareiche o que dicía o gran matemático G.H.Hardy cando algún alumno lle preguntaba o que ti me preguntas a min. O importante, dicía, é ter curiosidade intelectual: ansia de coñecer a verdade, orgullo profesional: satisfacción co propio rendemento, e ambición: desexo de conseguir boa reputación e unha posición social digna.    

     Iso é o que tes que decidir. Ser curioso ou indiferente, orgulloso ou modesto, ambicioso ou conformista. Se escolles as primeiras calidades de cada unha das disxuntivas, non terás dúbidas. Saberás qué estudar e, o máis importante, trunfarás. Se escolles as segundas…    

     Ti mesmo. 

     Posdata: Quedouche claro coa historia que che contei que a dicotomía Ciencias / Letras é absurda? Sei que si, es intelixente. Pero xa que o Sistema Educativo che obriga a escoller, fai todo o posible por non converterte nunha rata de laboratorio: unha desas que non sabe apreciar un razoamento filosófico ou un poema, nin nunha rata de biblioteca: unha desas que cre ser culta sen saber que pensaban Heisenberg ou Watson e Crick sobre a realidade. O protagonista da historia do sistema de numeración decimal non eran os hindús nin os árabes nin Fibonacci nin os calculistas ni a Igrexa Católica. O protagonista desa historia es ti. Si, ti. Saberías dicirte por que?




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.