Imaxe de cabeceira
Nós, normalizando
O galego está en situación de emerxencia

A Real Academia Galega (RAG) acaba de distribuír o segundo volume do Mapa Sociolingüístico de Galicia 2004 (MSG-04), correspondente aos usos lingüísticos, e no que se constata un forte descenso do uso do galego nos últimos anos.

Segundo este estudo,  o galego pasou de ser o primeiro idioma dun 60,3% dos galegos en 1992 a ocupar a posición minoritaria, do 20,6%, no ano 2004 , unha caída de 40 puntos en 12 anos.

Neste curto período de tempo, duplicouse o número de persoas que “nunca falan en galego”, do 13% ao 25,8% , dividiuse á metade o número de persoas que din falar habitualmente en galego , do 30,5% ao 16% e sumando as persoas que din falar “só galego” e “máis galego”, prodúcese unha caída de 22,1 puntos no uso habitual desta lingua . Ademais a xente que se define bilingüe tende a utilizar máis o castelán que o galego.

O hábitat é un indicador claro: o galego segue a ter maior presenza no ámbito rural aínda que nestes doce anos produciuse unha forte caída que pasa do 55,3% ao 40,5% . O castelán séguese asentando no urbano, sendo Ferrol (85%), Vigo e A Coruña (81,9% en ambas) as cidades con maior uso do castelán e cabe salientar  a presenza do monolingüismo en castelán en Ferrol (57,5%) e Vigo (45,5%).

Por outra banda o monolingüismo en galego é a opción con menor presenza nas cidades. Os valores máis altos corresponden a Lugo (13,4%) e a Santiago (13,2%) e os máis baixos a Vigo (4,3%) e á Coruña (3,4%). Sumando as opcións “só galego” e “máis galego”, obsérvase que o maior uso deste idioma corresponde a Santiago (41,9%) e a Lugo (40,5%).

Un dos axentes castelanizadores mais importantes é a escola . A presenza do galego no ensino no grupo de monolingües en castelán limítase ao 14,3%, fronte ao 85,7% do castelán, 71,5 puntos por debaixo.

A Mesa pola Normalización Lingüística despois de coñecer estes resultados reclámalle ao próximo presidente da Xunta que “goberne para todos” e non atacando o galego: “El di que vai gobernar para todos, mais a primeira medida que anuncia é que vai derrogar o decreto do 50% en galego. Se di que ama o galego, que o demostre con feitos, non prometendo desamparar esta lingua".
Ademais asegura que o galego é a lingua do Estado máis desamparada e atópase en situación de emerxencia , por iso A Mesa fai este “chamamento de urxencia” aos poderes públicos e “chama á reflexión de todas as galegas e de todos os galegos, pois de todas e todos nós depende que o galego siga vivo” e convida a manifestarse en defensa desta lingua o Día das Letras, o 17 de maio de 2009.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.