Imaxe de cabeceira
Nós, normalizando
Informástesvos? Saber galego é unha vantaxe, non un atranco!

Dado o interese do tema e das argumentación expostas recomendámosvos a súa lectura.


Deixabámosvos a mensaxe hai 15 días de que vos tiñades que informar sobre o significado do bilingüismo que piden algúns para ben da nosa comunidade. E nós comezamos no número anterior mostrando que a súa ideoloxía lingüística non pretende ningún bilingüismo, senón todo o contrario.

A maior teima establécena co tema do ensino do galego nas escolas a raíz do Decreto 124/2007 onde está a obriga de que todo o alumnado reciba –cando menos- o mesmo número de horas de galego ca de castelán. Cando menos, porque na batalla tan desigual que libran as dúas linguas, só hai maneira de impulsar a débil se se toman medidas de discriminación positiva sobre ela. E aínda así, se poñemos a falar os pais galegofalantes que teñen nenos na escola, habíamos ver que hai de certo niso de que se “impón o galego”  que tan bravo berran. Está o castelán en perigo? Que llo pregunten a estes galegofalantes que entran na escola e ós tres días volven para a casa falando só castelán. Oxalá foran sequera bilingües! Nós queremos o bilingüismo para eles. Por iso deben aprender galego e en galego na escola!

Oístes falar da “competencia subxacente común”? É esa que fai que os humanos aprendemos linguas aproveitando o que sabemos dunhas para as outras.  O esquema que temos dunha das linguas xa o transportamos á outra, sobre todo se estamos interesados en aprender esta segunda. Daquela, se aprendemos na escola en galego, isto axudaramos a aprender castelán, porque o interese nesta lingua é moito maior ca no galego. E axudaranos a aprender logo moitas máis linguas. Polo tanto, “quen sabe galego, sabe máis”!

Aínda que haxa algún neno que reciba as súas clases –menos lingua castelá- todas en galego, pode alguén crer que non aprende castelán? Pola contra, o que si hai é moitos miles deles que non son quen de dicir unha palabra en galego…Pois isto non é bilingüismo! Nós pedimos bilingüismo, pero co significado de que o galego ten que estar ó mesmo nivel do castelán, e que os nosos fillos poidan vivir na súa lingua.

Queremos unha Galicia bilingüe si, pero cunha concepción moi diferente á que queren os que se manifestan para que non se “obrigue” a ensinar en galego, senón que se deixe o galego nesa loita desigual e cadaquén que escolla… É posible escoller libremente nestas circunstancias?

A Galicia bilingüe buscámola nós; máis ca bilingüe, políglota, onde o galego sempre teña espazo, e logo as outras linguas, as que sexan, cantas máis mellor… Pero partindo sempre de que saber galego é unha vantaxe, non un atranco!




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.