Imaxe de cabeceira
Deportes
Queremos o deporte galego en galego

A moitos deportistas do país gustaríalle reivindicar o uso do galego no mundo do deporte. Precisamente isto é o que se quere conseguir co ‘Manifesto polo deporte galego en galego’,  iniciativa impulsada pola Vicerreitoría de Cultura da USC e a Fundación AZKAR.

Na noite do martes pasado (3 de febreiro) celebrouse unha reunión no Colexio de Fonseca na que estiveron presentes, entre outros, o vicerreitor de Cultura da USC, o xerente da Fundación AZKAR,  a directora xeral para o Deporte da Xunta de Galicia , o xefe de Deportes da Radio Galega,  e a ciclista Eva Castro, onde presentaron o Foro do Deporte Galego en Galego, que arrinca co compromiso de que “a nosa lingua común sexa a nosa forma habitual de expresión, o galego que nos une”.

MANIFESTO POLO DEPORTE GALEGO EN GALEGO

As persoas que aquí estamos cremos nos valores que o deporte nos ofrece, amamos o deporte como actividade de superación e mellora constante, de responsabilidade e de dedicación.

Cremos no deporte como lugar de encontro e fraternidade.
Iso é o que entendemos que é a nosa lingua: o espazo onde melloramos e onde nos encontramos, o vínculo referencial e colectivo de todas as galegas e todos os galegos; a nosa maneira de estar no mundo e estender a todo ese mundo unha mensaxe de respecto e fraternidade.

Hoxe abrimos este Foro do Deporte Galego en Galego, impulsado pola Fundación Azkar e a Universidade de Santiago de Compostela a través da Vicerreitoría de Cultura, co compromiso de que a nosa lingua común sexa a nosa forma habitual de expresión, o galego que nos une.

Queremos contribuír co noso esforzo no deporte, practicándoo, contándoo, vivíndoo, a un futuro mellor, onde gocemos do noso grande patrimonio vivo, onde podamos contar o esforzo e a superación, o triunfo e os novos retos, vivindo en galego.

Desde este Foro que hoxe comeza a andar, queremos facer un chamamento a todas as persoas que entenden o noso idioma como parte de todas e todos nós, particularmente a todas e todos os deportistas, institucións, entidades e, en xeral, a todas as xentes do deporte, a unírense a este Foro e a desenvolver, na medida das súas posibilidades, accións individuais ou colectivas, que permitan avanzar nese obxectivo, desde a fraternidade dunha Galiza cada vez mellor e nunha sociedade máis xusta e máis humanizada, máis deportiva.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.