Imaxe de cabeceira
Sabías que...
O entroido

Entroido ou carnaval
O entroido ou carnaval é unha festa de carácter tradicional que se celebra entre os meses de febreiro e marzo (inverno no hemisferio norte e verán no sur). Coincide co período inmediatamente anterior á Coresma (tempo de xaxún de 40 días anteriores á Pascua, conforme o calendario cristián).
O Entroido celébrase tamén en Galiza con características particulares, con disfraces e esmorgas moi diferenciadas entre diversas poboacións: son coñecidos os antroidos de Xinzo de Limia, Laza, Verín, Vila de Cruces, A Estrada, Vilaboa, e outros moitos, algúns dos cales están cualificados de acontecemento turístico nacional polo Ministerio de Turismo.
O termo entroido
A palabra entroido deriva do latín introitus, que significa "entrada" ou "comezo" da primavera e do rexurdimento da vexetación.
Orixe da palabra carnaval
A palabra vén do italiano carnevale, que ten como orixe o latín vulgar carne-levare, que significaba "abandonar a carne”.
Calendario
O entroido, ao variar conforme a Pascua e a Coresma, non ten datas fixas. O martes de antroido adoita coincidir en febreiro ou nos primeiros días de marzo, pero as celebracións relacionadas poden comezar xa en xaneiro.
É o que se coñece como ciclo do entroido e que ten nas diferentes vilas de Galiza distintas extensións. Tense tomado como referencia o entroido de Xinzo como o máis longo, se ben a súa distribución en cinco semanas é común a boa parte das comarcas centrais ourensás, como Maceda.
O martes de entroido adoita coincidir en febreiro ou nos primeiros días de marzo, pero as celebracións relacionadas poden comezar xa en xaneiro. É o que se coñece como ciclo do entroido e que ten nas diferentes vilas de Galiza distintas extensións. Tense tomado como referencia o entroido de Xinzo como o máis longo, se ben a súa distribución en cinco semanas é común a boa parte das comarcas centrais ourensás, como Maceda.
Estas son, por orde, as súas principais datas en Galiza.
• o domingo fareleiro. Os rapaces emporcallan a xente, sobre todo as rapazas e as mulleres, con farelo, borralla, betume e ferruxe dos potes.
• o domingo oleiro. Os homes xogan a guindarse uns aos outros unhas olas de arxila sen que lles rompan.
• o xoves de compadres. Ten lugar unha simbólica guerra de sexos: as mozas fan bonecos ("compadres") e quéimanos loitando cos mozos, que para impedilo botánlles ás mozas auga, borralla…
• o domingo corredoiro os rapaces e mozos botan auga, ovos podres, borralla, lama e mesmo formigas á xente. Celébrase tamén a corrida do galo, onde os mozos teñen que tentar arrincarlle a cabeza á ave cun pau ou coas mans. O que consigue matar o galo lévao. Na versión infantil, soltábase o galo nun recinto e os rapaces corríano ata esgotalo. Logo faise unha gran comida co mellor da matanza.
• o xoves de comadres. Ao xoves seguinte repítese o ritual do xoves de compadres pero o revés. Neste caso son as comadres, as mozas, as queimadas.
• o domingo, o luns e mais o martes de antroido son os tres días grandes desta festividade, se ben conforme as distintas vilas pode ser máis importante o domingo, o luns (Laza) ou o martes. Neles fanse as grandes esmorgas, os desfiles de máscaras polas rúas ou polas corredoiras e os bailes de disfraces.
• o mércores de cinza, cando se celebra o enterro da sardiña. Á noite sae a xente envolveita nunha saba e levando botafumeiros feitos de folla de lata nos que arden zapatos vellos, goma de pneumático e todo que cheire mal. Imitan a procesión de enterro duha criatura, a sardiña, que representa a diversión e a felicidade. Noutras localidades prodúcese a queima do meco do antroido, cuns rituais semellantes. Éntrase na coresma, nos corenta días de xexún en que os católicos teñen prohibido comer carne.
•o domingo de piñata ten un carácter netamente urbano e moderno. A piñata é un xogo traído de Italia no século XVIII, e que consiste en romper cun pau, levando os ollos tapados, unha ola que pende dunha corda, chea de confetti, auga, fariña ou incluso cun pombo vivo.
Non en todas as vilas se conservan ou existiron nunca todas estas festividades. Ademais, aínda que os días grandes adoitan ser o domingo e o martes de antroido, noutras localidades, como Laza, a data referencial é o luns de antroido.
As máscaras
As máscaras do antroido galego presentan, segundo as zonas e comarcas, trazos diferentes. Podemos distinguir dous grandes grupos:
• As máscaras ourensás. Son, habitualmente, máscaras coloristas que cobren a cara, realizadas moitas delas en madeira e que teñen como misión meter medo, asustar, bater nos veciños ou escorrentalos. Aínda que ás veces van en grupo, a súa performance é habitualmente individual. Entre elas están os cigarróns de Verín, os peliqueiros de Laza e as pantallas de Xinzo)
• As máscaras da zona atlántica ( Cangas, Vilaboa, val do Ulla…) Son traxes tamén coloristas, pero que frecuentemente deixan o rostro descuberto. Neles o traballo individual de elaboración do vestido é importante, pero máis o é a performance, que adoita ser colectiva. É o caso dos xenerais de Deza e de Ulla, as damas e galáns de Cangas e Vilaboa e as madamitas e madamitos do antroido de Cotobade.
Tamén existen outros costumes:
• Mecos bonitos e mecos feos de Froxás das Viñas.
• Volantes da Ribeira do Miño (Parroquias de Santiago de Arriba, San Pedro, Camporramiro e Nogueira).
• O Oso de Salcedo, en Salcedo (A Pobra do Brollón).
• O merdeiro en Vigo.
• O Os felos en Maceda.





Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.