Imaxe de cabeceira
O IES rebole
eXXpopress

                        

                        O xoves 29 de xaneiro tivo lugar na sala de usos múltiples do IES “Félix Muriel” a exposición da colección privada “eXXpo press, cen anos de actualidade” do xornalista estradense Suso Souto, delegado do Correo Gallego en Ribeira, onde tamén forma parte da directiva do Ateneo Valle-Inclán.

Unha servidora tivo o privilexio de facerlle unha breve entrevista pouco despois de que a TVG viñera a gravalo en directo falando acerca da súa extraordinaria recompilación de acontecementos, escritos e imaxes máis importantes de todo o século XX.

Expoñíanse uns 160 xornais galegos, casteláns e estranxeiros, como ABC, Correo Gallego, Faro de Vigo, Time, Ya... Todos eles destacaban feitos importantes da centuria pasada.

Tamén había prensa rosa, revistas que amosaban os personaxes do corazón, como actores, cantantes... celebridades que destacaron no pasado século. Era de notar que antes se respectaba moito máis aos famosos que na actualidade. Das paredes colgaban unhas fotos xigantes deste tipo de personaxes na súa xuventude e sen nome para que os visitantes o puideran adiviñar e así meterse máis de cheo no contido da exposición. Había novelas, cómics (de Superman, do Capitán América...), cromos, anuncios de coches antigos...

Contabamos con dez paneis, cada un tiña á súa vez dez resumos (1900-2000) que mostraban as efemérides, as anécdotas, os feitos e o personaxe mais importante de cada ano, así como tamén a canción que marcou algún acontecemento de gran importancia, facendo deste xeito unha selección musical de todo o século.

No centro da sala había uns paneis monográficos. Cada un falaba de temas concretos como o cine, os papas, as conquistas, os descubrimentos e inventos... todo pertencente ás décadas pasadas.

A exposición tamén proxectaba dous vídeos. Un primeiro é musical, fala dos líderes dos movementos musicais que houbo e que máis influíron na sociedade, como o rock, o jazz... Un segundo mostra imaxes do pasado século, como da II Guerra Mundial, do asasino e mafioso máis grande (Al Capone) ou da ovella Dolly.

Ademais de explicarnos todo isto, Suso díxonos como conseguiu o material. Rememorando a súa nenez, contounos que aos dez anos xogaba cos seus amigos nun Bazar en fronte da súa casa que tiña un montón de cousas antigas. Esta tenda estaba rexentada por un matrimonio xa moi entrado en anos. Cando o home morre, a muller preocupada, non sabía quen ía quedar con todo. E Suso tampouco. En seis viaxes levou para a súa casa todo o que puido ou o que lle permitiu súa nai. Co paso dos anos foi consciente da cantidade de cousas importantes e interesantes que el amoreara en tanto tempo, polo que comezou a gardalas e a catalogalas, non só as que tiña senón as que outra xente lle ía dando ou el mesmo conseguía. E hoxe por hoxe vemos o resultado da colección: é única.

Contounos que levou a “eXXpo press” por varias cidades de Galicia, tamén a Barcelona, e incluso a EE.UU, onde foi inaugurada polo cónsul honorario de España alí. Por agora vaise empregar con fins didácticos; de feito, a Xunta de Galicia ten pensado levar a colección a máis centros de ensino. Nós tivemos o gran privilexio de ser o primeiro que amosa a súa obra. Nestes momentos tamén se está a traballar para levala ao Vaticano. O xornalista ten pensado regalarlle ao papa un exemplar dos anos 60 que amosa o encontro entre a Igrexa Ortodoxa e a Católica.

De seguro que esta é unha das exposicións culturais que realmente vale a pena ver. Mediante ela podemos visualizar o noso pasado máis próximo de maneira sinxela, ordenada e completa.

 

 





Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.