Os medicamentos se non se combinan de forma adecuada cos alimentos, poden reducir a súa acción terapéutica ou xerar reaccións tóxicas.
Certos medicamentos deben tomarse só con auga e co estómago baleiro; outros nunca se deben mesturar co leite ou lácteos, e algúns teñen que inxerirse xunto coa comida. A interacción pode producir a anulación da súa acción terapéutica ou incluso a aparición de reaccións de toxicidade.
Na actualidade os prospectos dos medicamentos inclúen recomendacións sobre esta cuestión. Disponse ademais do consello médico ou farmacéutico para verificar que as mediciñas non interactúan prexudicialmente, nin entre si nin cos alimentos, e é especialmente aconsellable o asesoramento en quen padece algunha enfermidade crónica.
As interaccións son moi numerosas pero adquiren importancia clínica aquelas que comprometen o estado nutricional das persoas, por exemplo fármacos que producen alteracións dixestivas como náuseas, vómitos, etc…As interaccións poden dar con medicamentos obtidos con receita ou sen ela, como é o caso dos antiácidos e os complementos dietéticos.
EFECTOS NEGATIVOS EN DETERMINADOS TRATAMENTOS
Dieta rica en graxas. Diminúe a eficacia de medicamentos que se empregan no tratamento da sida. Por este motivo débense tomar en xaxún ou unha hora antes das comidas.
Dieta rica en proteínas. Reduce a absorción do antiulceroso sucralfato polo que se debe tomar en xaxún ou dúas horas antes da comida.
Alimentos ricos en vitamina K. Limita a eficacia dos anticoagulantes orais. Verduras da familia da col, remolacha, leituga, té verde, fígado de porco ou de vaca e chícharos verdes.
Dieta rica en allo. Frea a eficacia de inhibidores da proteasa. Pola contra, aumenta a acción dos anticoagulantes orais. Por iso hase evitar o consumo de allo en cantidades elevadas perlas ou comprimidos (concentrados de allo) posto que hai risco de hemorraxias e sangrados.
Alimentos ricos en tiramina, ricos en proteínas e envellecidos, madurados ou fermentados, como arenques, queixo curado, certos embutidos… A tiramina é un aminoácido que interacciona con fármacos chamados inhibidores. En 1964 publicáronse casos de hemorraxias cerebrais e crises hipertensivas debido á iteración da dieta con estes fármacos. É moi importante evitar os alimentos ricos en tiramina durante o tratamento, e incluso tres semanas despois de concluído.
Leite e lácteos. Alteran a absorción e reducen a eficacia de antibióticos. Estes medicamentos non se deben tomar nunca con leite ou sales de calcio ou lácteos. Aconséllase ó menos dúas horas antes.
Aguacate. Alimento rico en graxa, reduce a acción dos anticoagulantes orais.
Zume de pomelo. Non se debe tomar nunca con antagonistas de calcio empregados na hipertensión arterial, fármacos antirexeitamento de transplantes, antihistamínicos e outros medicamentos, xa que pode producir reaccións de toxicidade.
Regalicia. Atópase en gomas de mascar, bombóns, cigarros, mesturas de tabaco e cervexa. Contén ácido glicírrico. Actúa favorecendo a retención de líquidos e e sodio, e anula a acción de certos antidepresivos, diuréticos tiazídicos e beta-bloqueadores.
Soia. En mulleres tratadas con tamoxifeno, para a prevención do cancro de mama, a soia anula a súa acción, polo que debe evitarse a súa inxesta conxuntamente. Tamén se sabe que aumenta a toxicidade doutros medicamentos relacionados con alteracións do sistema nervioso.
EFECTOS POSITIVOS
Zume de laranxa. É un alimento rico en vitamina C que aumenta a absorción dos complementos de ferro para o tratamento da anemia, axudando a repoñer máis fácilmente as reservas de ferro no organismo.
EXEMPLOS DE ALTERACIÓNS PRODUCIDAS POR MEDICAMENTOS.
Alteracións sobre o apetito. Algúns medicamentos poden aumentar ou diminuír o apetito. Por exemplo, os que se utilizan para combater o cancro a miúdo causan náuseas e vómitos. Por outra banda, a insulina, os esteroides, os antidepresivos e certos tipos de antihistaminas poden facer que unha persoa teña máis fame do normal.
Irritación gastrointestinal. Certos fármacos poden irritar o estómago, polo que é mellor tomalos coa comida ou con leite, como é o caso dos antiinflamatorios non esteroideos.
Aumento do risco de carencias nutritivas. Hai medicamentos que interfiren coa absorción de nutrintes. Por exemplo o aceite mineral que se emprega para o estreñimento, aceite de parafina, evita a absorción das vitaminas liposolubles A, D, E e K e os laxantes con sales de aluminio diminúen a absorción de fosfatos e vitamina A. Os antiácidos aumentan o risco de carencia de vitamina B1 e de ferro, os anticonvulsionantes de ácido fólico, vitamina D e K, etc.
CONSELLOS
- Asegúrate de que o teu médico sabe que medicamentos tomas regularmente ou en ocasións, incluíndo os que se compran con receita.
- Le detidamente os prospectos de fármacos e a información que acompaña aos “remedios” sen receita médica. Se necesitas información consulta ó teu médico ou farmacéutico.
- Toma os medicamentos acompañados dun bo vaso de auga.
- Non mestures os medicamentos con alimentos ou tomes as cápsulas por separado a non ser que cho recomende o médico.
- Nunca tomes os medicamentos con bebidas quentes, a calor podería anular a súa eficacia.
- Nunca se debe tomar os medicamentos con alcohol.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]