Imaxe de cabeceira
Nós, normalizando
O informe do Consello de Europa di que non imos ben!

Segundo o informe emitido polo Consello de Europa o número de alumnos que reciben educación escolar en galego segue sendo moi baixo. Aínda que recoñece positivamente o labor das Galescolas , considera que a Consellería de Educación debe intentar que o galego sexa a lingua vehicular en todas as materias e en todas as etapas.

No referente á xustiza, insta as autoridades a que dispoñan versión en galego de formularios e textos administrativos de uso frecuente en todas as dependencias competentes da Administración do Estado con sede en Galicia.
No ámbito da comunicación mostra a súa preocupación polo mal uso do galego, sobre todo en RTVG e insta para a creación dunha emisora de radio privada que emita en galego.

O Consello de Europa tamén crítica o sector non gobernamental xa que a maioría dos servizos públicos limitan as opcións lingüísticas nos servizos telefónicos, de provisión enerxética, etc e recoñece ademais os casos en que os traballadores foron obxecto de acoso por falar en galego, asunto xa denunciado pola Mesa pola Normalización Lingüística .

No servizo de ferrocarrís (Renfe e Adif), servizos aeroportuarios (Aena) e no Sergas o galego emprégase puntualmente, a maior parte do persoal non está cualificado para prestar servizos en galego.

Tras este informe feito polo Consello Europeo, o presidente da Mesa pola Normalización, Carlos Callón dixo que o Plan Xeral de Normalización Lingüística aprobado en 2004 non se estaba a cumprir e reclamou á Xunta e ao Goberno central que poñan en marcha medidas para que se aplique a Carta Europea das Linguas Rexionais, xa que é un ordenamento xurídico subscrito polo estado e, polo tanto, de obrigado cumprimento.





Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.