Imaxe de cabeceira
Sabías que...
O grelo é anticanceríxeno

A Misión Biolóxica de Galiza do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) ven de realizar un estudo no que conclúe que “as nabizas e os grelos son alimentos funcionais”. Un alimento  considérase funcional cando, ademais de destacar polas súas propiedades nutritivas, contén certos elementos, cuxo consumo diario dentro dunha dieta equilibrada contribúe a manter ou mellorar o noso estado de saúde e benestar. No citado estudo demostrouse que o grelo e a nabiza teñen propiedades anticanceríxenas e antioxidantes. A clave está na presenza dunhas sustancias denominadas glucosinolatos, que ademais de proporcionar o sabor amargo característico destas plantas son tamén as que gardan as súas propiedades saudables. O traballo analiza as variables que afectan ás propiedades agronómicas e as características organolépticas, a súa textura e o seu sabor e como lle afectan as características climatolóxicas  e como as diferentes técnicas de cociñado afectan ás propiedades nutritivas destas verduras.

Este estudo relaciona o consumo deste tipo de plantas coa menor incidencia de diversos tipos de cancro, así como traballos in vitro e en vivo que demostran o efecto anticanceríxeno dos isotiocianatos, produtos de degradación dos glucosinatos.

Os grelos e as nabizas teñen, ademais, un alto contido en calcio, o que os converte en especialmente recomendables para as persoas que sofren de osteoporose. Neste contexto tamén supoñen unha alternativa adecuada para as persoas que padecen intolerancia á lactosa e non poden tomar leite, como fonte xeradora de calcio para a protección dos ósos.

Outro dos beneficios para a saúde que presentan estes vexetais radica nas súas propiedades antioxidantes, que se derivan da vitamina C que proporcionan ao organismo.

A mellor maneira de previr certas enfermidades asegurando unha boa saúde é seguir unha dieta sa, variada e equilibrada, moitos alimentos tradicionais como as froitas, as verduras, o peixe e o leite conteñen compoñentes beneficiosos para o noso organismo e agora entre estes alimentos inclúense os grelos e nabizas como un grande potencial saudable que podemos atopar na horta galega.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.