span style=”font-size: 10pt;”>A ti, rapaza; a ti, rapaz; mozos e mozas que buscades novos mundos, cobizosos do saber de moitas maneiras pescudado. Hoxe, que che di a ti a persoa de Isaac Díaz Pardo?
¿Sabes que dende o oito do mes de Santos, novembro de dous mil oito, Don Isaac é un dos veciños senlleiros de Rianxo, pois a Corporación Municipal outorgoulle o título de "Fillo adoptivo"? E un "fillo adoptivo" é a persoa a quen se lle pide e el acepta ser como de espírito e nacenza desta terra, deste recanto de inquedanzas e soños. Escoita, logo, a voz deste simple pregoeiro:
"O noso respecto e consideración á sobranceira personalidade de Don Isaac quen, dende a súa adolescencia (inda non cumprira os dezaseis anos cando empeza a Guerra Civil) xa participa na loita por Galiza, formando parte das Xuventudes Socialistas Unificadas e colaborando co noso insigne Castelao, en Santiago, a favor do Estatuto de Autonomía de 1936, facendo catro carteis para pedir o voto afirmativo dos galegos, rotulando os dous de Castelao e repartindo propaganda a favor do si. Así pois, dende moi novo xa coopera na transformación que tentaba realizar a II República, nas arelas de liberdade e democracia, e que continuou ao longo da vida (e prosegue na actualidade), na súa contribución á cultura galega, á creación artística e á organización de empresas favorecedoras do desenvolvemento económico-social da nosa terra, e a manter unha actitude crítica co fin de recobrar a memoria histórica do noso país.
Os seus merecementos para a distinción de "Fillo adoptivo" están de sobra probados pola súa traxectoria vital. D. Isaac é un galego universal e, xa que logo, os concellos galegos debían ter a moita bonta que este home ilustre acepte ser considerado como fillo querido, moi singularmente o concello de Rianxo, berce en ronsel de galeguismo.
Tamén é razón relevante a súa actitude de exaltación e espallamento dos egrexios rianxeiros, a quen Díaz Pardo sempre rendeu a súa homenaxe e recoñecemento; en 1955, chamado polos emigrados de América (especialmente de Arxentina e Uruguai) e ata a súa volta definitiva a Galicia en 1968, cooperará sempre estreitamente co exilio e os movementos galeguistas no noso país; moi vencellado a Rafael Dieste, prez de Rianxo e de Galiza, e a súa dona Carmen Muñoz; e con Antonio Baltar, fervente rianxeiro.
A relación con Dieste foi tan forte e de tal confianza que Don Isaac é o autor do monumento á obra de Rafael que hoxe admiramos no paseo da ribeira da nosa vila. E, sobre todo, Díaz Pardo converteuse na persoa a quen Don Rafael lIe otorgou o seu legado (herdanza que, de seguro, acollerá Rianxo no seu momento).
Cando os restos de Castelao volven de Bos Aires á súa terra, Isaac Díaz Pardo, en Rianxo, no cine Avenida, pronuncia a loanza do preclaro autor de "Sempre en Galiza"; nos carteis de cego creados por Isaac aparece Castelao en 1985; na serie de grandes figuras galegas producidas na cerámica de Sargadelos, Castelao, Dieste e Manoel Antonio aparecen como pezas moi importantes.
E nas iniciativas para a creación da Academia Literaria de Rianxo, e para a adquisición das casas de Manoel Antonio, Castelao e Dieste, cando o concello busca axuda e valedores ao proxecto, aquí está Don Isaac nos actos, manifestando coa súa presenza o seu, firme compromiso. Todos lembramos a visita da señora Vicepresidenta do Goberno de España, Fernández de la Vega, do brazo do Don Isaac nas rúas de Rianxo.
¿E que dicir do seu labor editorial á fronte de Ediciós do Castro, publicando e difundindo as obras de escritores rianxeiros, dos grandes e dos noveis, os estudos sobre os mesmos, a edición facsímil, xunto ao Concello de Rianxo, do xornal "El barbero municipal", o franco apoio ao labor do eminente rianxeiro membro da Real Academia Galega, Don Xosé Luis Axeitos, os documentos para a historia de Galiza, etc.? E nos seus artigos de prensa en diversos xornais sona o nome de Rianxo. Igualmente contamos coa súa presenza nos actos de recuperación da memoria histórica que aquí celebramos. E coa súa inspiración artística no monumento ás xentes do mar que hoxe nos engaiola a carón da nova Casa de Cultura.
Neste acto de homenaxe como "rulo adoptivo", contounos Don Isaac unha xocosa anécdota das súas conversas co seu entrañable amigo e veciño ilustre da vila rianxeira, Rafael Dieste. Dicíalle Isaac a Rafael con estas ou semellantes palabras:
-Na ría de Sada tamén hai moitas sardiñas, tantas como na de Rianxo.
-Mais, as da ría de Rianxo, son máis educadas- contestoulle Rafael.
Quen desenvolve o humor como un dos elementos da amizade, obra como un mestre nas nosas vidas.
Ben certo é que podiamos estendernos bastante máis noutras consideracións meritorias de Don Isaac con Rianxo. A conclusión non pode ser outra: foi un acto de xustiza que a comunidade rianxeira lIe outorgase a Don Isaac Díaz Pardo o nomeamento de "Fillo adoptivo" que el acolleu con alma grande, agradecida, e que non dubidamos, acrecerá aínda máis o seu esforzo a prol de Rianxo.
Rianxo, outono de dous mil oito
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]