Imaxe de cabeceira
Sabías que...
A letra sen sangre entra?


O sangue é a vida!”. Así se expresaba con cara de poucos amigos un veludo Drácula na película de Francis Ford Coppola, de 1992, probablemente a máis fiel adaptación da obra orixinal de Bram Stoker, escrita en 1897. De feito, é máis que posible que a pantasma do vello Stoker saloucase ruidosamente ao ver a meirande parte de versións que Hollywood perpetrou sobre a tenebrosa vida da súa personaxe transilvana. Porén, as historias de vampiros comezaron moito antes desta obra, no imaxinario popular, e con maior ou menor nivel de lenda, ata o punto en que os contos de vampiros foron os protagonistas das reunións nocturnas xunto ao lume durante séculos. O motivo? De entre todas as opcións máis ou menos morbosas que se nos ocorran, unha sobresae de forma clara: a gran fascinación que provoca o sangue. Se este fluído corporal fora transparente, ou lixeiramente opaco, como un vaso de leite augado, é moi posible que non suscitase gran curiosidade fóra do entorno médicos. Pero resulta que o sangue ten como gran peculiaridade que é enormemente escandaloso. A súa cor  vermella intensa, cando está osixenado, é tan característica que exerce un poderoso embruxo naquel que a observa. Se algún dos lectores é afeccionado ou afeccionada ao cine “gore”, entenderá de forma máis clara -e sanguenta- esa fascinación á que fago referencia. Imos explicar brevemente o seu motivo, así como as funcións primordiais do sangue e o aparato circulatorio en xeral.

Toda célula posúe un metabolismo. O metabolismo pode ser definido como un conxunto de reaccións físicas e químicas que permiten transformar substancias para que a célula realice todas as súas actividades: manter a súa estrutura, medrar, reproducirse, etc. Non imos entrar aquí en maior detalle, bástanos con entender que eses substratos que precisa a célula deben chegar ata ela dalgunha forma. En organismos unicelulares, esta forma adoita ser a simple e pura difusión, de xeito que, aínda que máis ou menos lentamente, os substratos flotan na propia célula e ao seu redor. Porén, en organismos maiores, a probabilidade de que esas substancias cheguen de e ata todas as células que os compoñen é cada vez menor canto maior é a complexidade deses organismos. Só imos facer referencia aos mamíferos, co seu complicadísimo sistema de tecidos e órganos especializados formados por centos de miles de células que necesitan alimento e enerxía para desenvolver as súas funcións metabólicas. Nestes casos, precisamos un tamén complexo sistema de transporte que leve ata esas células todos os substratos de forma eficiente. Ademais, se este sistema é rápido e chega a todos os currunchos do corpo, que mellor vía para desprazar cara á zona afectada por un problema aos “médicos” do animal, as comunmente chamadas defensas? Pois, tachánnn!!! Aquí temos o que coñecemos como sistema circulatorio, composto polo sangue propiamente dito e as diferentes canles e órganos que o dirixen e propulsan por todo o organismo. Non vou explicar aquí a composición do sangue, baste dicir que está estruturado por unha serie de células que se encontran suspendidas nunha substancia de consistencia acuosa denominada plasma.

Pero, por que o sangue é vermello? Un dos tipos celulares que compoñen o sangue son os chamados glóbulos vermellos ou eritrocitos, cuxa función principal é a de transportar o prezado osíxeno necesario para a respiración celular. Estas células están moi especializadas nesta función e conteñen o pigmento respiratorio que provoca esa cor tan especial: a hemoglobina. A hemoglobina é unha proteína cuxa función é fixar o osíxeno que recollemos do aire que respiramos. Unha vez transportada, grazas aos glóbulos vermellos, ata as diferentes células do organismo, a hemoglobina liberará ese osíxeno para cederllo a esas células. Cando a hemoglobina esta en “viaxe de ida”, é dicir, cargada de osíxeno, é cando posúe a intensa cor vermella do sangue arterial. Cando a viaxe é “de volta”, descargada de osíxeno, a cor é dun vermello azulado, máis tirando a viño tinto Bordeos. Esta última é a típica cor do sangue venoso. Cantas veces oímos falar da xente de “sangue azul” para referirnos a reis, príncipes, baróns, duques ou outras personaxes de alto liñaxe. O motivo desta expresión  radica no feito de que noutras épocas, a aristocracia en xeral non se distinguía precisamente polo seu traballo físico nin pola súa cor torrada debida á súa exposición ao sol, polo que as súas veas adoitaban translucir a través da súa branca pel, dándolle a característica tonalidade azulada.

Por unha banda, non é sorprendente o moi apegados que estamos ao noso sangue? Se alguén nos di dos seus achegados que “son do meu mesmo sangue”, a todos nos resultará unha expresión moi familiar. Porén, pareceríanos moi estraño que nos dixeran algo como “son do meu mesmo tecido nervioso” ou ben “temos ósos comúns”. Ao longo dos séculos denomináronse “consanguíneas” as relacións entre individuos con parentesco familiar próximo. Porén, pode ocorrer que, en caso de precisar unha transfusión sanguínea, ningún dos dous pais poida doarlle sangue ao seu propio fillo, por incompatibilidade de grupos sanguíneos. A máis de un racista convencido da “supremacía da raza aria” lle sorprendería saber que o seu sangue ten máis similitude con algunhas etnias asiáticas que cos seus veciños e compañeiros de dogma. Por outra banda, cando cometemos un acto premeditado facémolo “a sangue frío”, e para expresar que alguén é fogoso dicimos que é “de sangue quente”. E é que realmente… metemos en cada enredo o noso pobre sangue!

Dado que o sangue, a través das diferentes canalizacións do aparato circulatorio, baña directamente os distintos órganos e tecidos, tamén actúa como espello de incidencias e lesións que se poidan producir en distintas partes do organismo. É por iso que, perante a dúbida, a primeira analítica que realizamos é unha mostra de sangue, xa que a través dos resultados obtidos podemos situar o dano. Cantas veces escoitamos sobre un ídolo de rock con problemas de drogas ou alcohol aquilo de “como ten cartos, puido facer que lle cambiaran o sangue”. Desgraciadamente, “cambiar o sangue” de ninguén non solucionará un problema hepático ou renal.

Lendas sanguentas

Volvendo ao comezo deste ensaio, quixera expoñer algunhas desas historias escuras que roldan o mundo do sangue. E que mellor exemplo que empezar pola lenda dos vampiros, sinistros individuos sedentos do sangue dos vivos. O caso é que esta imaxe non sempre foi exactamente a que dende as películas norteamericanas se nos quixo transmitir. Se se ten interese en ver cómo variaron ao longo da historia as versións dos nosos amigos os hematófagos, é altamente recomendable a páxina web sobre os vampiros e o vampirismo recollida na enciclopedia de Internet Wikipedia (http://es.wikipedia.org/wiki/Vampiro). Nela atopamos un extenso informe sobre a historia e os aspectos relacionados co tema que estamos a tratar.

Para rematar con este pequeno ensaio, quixera explicar algo que tiven, por desgraza, ocasión de ver nun programa de televisión, presuntamente veraz, que intentaba convencernos de que o vampirismo é unha enfermidade cientificamente recoñecida. Facíase referencia a unha estraña enfermidade chamada porfiria eritropoiética  -non hai rexistrados máis de 300 casos  en todo o mundo-, e un locuaz presentador, sentado practicamente a escuras detrás dunha gran mesa, explicábanos que os enfermos desta doenza experimentaban un gran delirio por beber sangue, preferentemente humano, para mitigar a súa dor. Sen entrar en demasiados detalles, esta enfermidade é real, e consiste nun defecto metabólico que provoca hipersensibilidade á luz, anemia, crecemento anormal do pelo en determinadas zonas do corpo e, a miúdo, laceracións que provocan graves deformacións corporais. É unha gravísima enfermidade que, sen o tratamento adecuado, resulta mortal. A gran patraña é a presunta apetencia polo sangue, humano ou de calquera outro ser vivo, síntoma que só aparece nalgunhas enfermidades mentais, formando parte dun cadro psicótico. Así, por afán de audiencia, convertemos unha grave e triste doenza nun conto de terror para uns espectadores desgraciadamente pouco selectivos.

Sentenza: xamais permitamos que charlatáns de calquera tipo nos enganen con información manipulada, por atractiva que nos poida parecer.

A min, ao escoitar a estes farsantes, férveme o sangue!




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.