Imaxe de cabeceira
O curruncho de artistas / Creación literaria
A aldea maldita

Da historia real desta aldea pouco se sabe, o que é un punto de partida estupendo para as lendas. Encóntrase na zona costeira da parroquia de Leiro, en Rianxo, ao pé da actual aldea de Abuín. Na actualidade xa só quedan en pé algúns muros a ambos os lados do camiño do que se adiviña o que foron algunhas portas e ventás. Os loureiros, que sempre dan ese aire sombrío aos bosques que tan ben vén neste caso, creceron no inte-rior das antigas casas e as hedras e os musgos cobren os restos dos tellados e os muros caídos.

A lenda conta con varias versións, aínda que a miña preferida é esta: Nalgún momento os vecinos da aldea decidiron construír a súa propia igrexa separada da parro-quial de Leiro, situada a un par de quilómetros, e pensando dotala dunha maior sacra-lidade ocurréuselles que que mellor que facerse cunha imaxe xa venerada e cargada con unha ampla tradición milagreira. Así que unha noite embarcaron nos seus botes pesqueiros, cruzaron a ría e fixéronse coa imaxe da Virxe venerada no mosteiro de Armenteira. Como é lóxico, os monxes invocaron a axuda divina e unha serie de pragas cebáronse sobre a aldea que acabou sendo abandonada e vendo como os veciños se dispersaban ocultando a súa orixe, ata tal punto que a aldea, a forza de non nomeala, ata perdeu o nome.


Outra versión máis prosaica desta mesma historia conta que o que os veciños roubaron en Armenteira non foi unha imaxe da Virxe senón unhas cepas de uva Albariño, introducida polos monxes desde Francia e da que conservaban a “exclusiva”. O transplante destas vides a outra beira da ría desencadearía, igualmente, a ira divina, se ben non podería acabar coa expansión da uva albariña por terras barbanzás, ata o punto de que hoxe se estuda a creación dunha denominación de orixe específica, a cal tería aí a súa orixe mítica.


Unha terceira versión fala dun tesouro enterrado no bosque veciño á aldea polos viquingos (segundo outras fontes serían os mouros ou os piratas. Os Piratas ente-rradores do tesouro protexeríano cunha maldición e deixarían os habitantes da aldea encargados da súa custodia. Pero pasados séculos, nun momento de necesidade e perda da efectividade do aviso dos pirata/viquingo/mouro, decidíronse a desenterralo, condenando así a aldea a súa desaparición.


Esas son as versións principais. O más probable é que a aldea se vise especialmente afectada polas sucesivas vagas de peste que se deron na costa galega a partir de mediados do S.XVI e que están ben documentadas ou mesmo polas epidemias de cólera da primeira metade do S.XIX. Parece lóxico que os veciños abandonasen a aldea orixinaria, encerrada nun val estreito, húmido e non moi ventilado (bastante propicio para a expansión de epidemias) e construíran outra algo máis arriba, nun lugar de máis aberto, que sería o actual Abuín.


Pero esta versión máis crible, ou menos ao meu parecer é moito menos suxerente. En calquera caso é un lugar curioso que vale a pena visitar, buscando a situación da posible igrexa, intentando adiviñar onde estaría enterrado o tesouro ou desfrutando, da agradable sombra dos loureiros e árbores nunha tarde de verán, se non somos superticiosos claro, recoméndovolo visitar. Proximamente este máxico lugar será escenario dunha película.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.