Este xoves pasado, 27 de novembro, aproveitamos a presenza da Xurxo Souto no IES para presentar o noso CD “Os quinse máis votados”.
A idea de realizar este traballo xurdiu no ENDL do IES Félix Muriel de Rianxo o curso 2007-2008 para dar a coñecer distintos estilos musicais, diferentes grupos e cancións que se poden facer no noso idioma.
Como primeiro paso elaboramos unha lista de 100 grupos e intérpretes que cantaban en galego e pasamos a facer unha votación popular para seleccionar aqueles preferidos entre o noso alumnado, de aí xurdiu esta recompilación, escollendo os 15 grupos máis votados, xa que a partir dese número as puntuacións de cada candidato eran pouco representativas. De feito, mesmo houbo unha diferenza de votos considerable entre os tres primeiros e os restantes, polo que decidimos seleccionar varias cancións deses grupos primeiros e só unha dos demais.
Como complemento ás audicións quixemos completar ese traballo salientando algúns datos de interese de tódolos grupos, e máis xuntar as letras das cancións gravadas.
O galego empregado non é o normativo pero consideramos que iso non é o máis importante, senón comprobar que a nosa lingua segue viva e está presente nos distintos estilos musicais, non só no folk co que máis se adoita relacionar, senón tamén no rock, no reggae, no rap…
Á hora de ordenar as pezas presentáronsenos varias posibilidades:
- O número de votos, pero varios grupos estaban co mesmo número, polo que despois teriamos que ter usado outro criterio.
- Os estilos musicais, pero pareceunos que sería máis monótono escoitar de seguido grupos “semellantes” e ademais, que estilo poñiamos de primeiro?
- A orde alfabética, pola que finalmente nos decidimos, xa que así os estilos irían de xeito aleatorio e non se lle daban matices de importancia.
Na selección das pezas fixemos outra consulta popular das cancións preferidas entre o alumnado, consultamos aos grupos e tamén nos pareceu interesante incluír algunha peza do último traballo publicado de cada grupo, aínda que non fosen as pezas máis coñecidas e populares e, finalmente, este foi o resultado que esperamos sexa do agrado de todos e todas.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]