Imaxe de cabeceira
O IES rebole / Rianxiño viaxa
Un paseo por París e a súa historia

A viaxe cultural a París, organizada polo Departamento de Francés, conecta directamente coa programación da materia de Historia Contemporánea de 1º Bacharelato. Concretamente coa unidade didáctica nº 2: “As transformacións políticas: a fin do Antigo Réxime e a Ilustración. As revolucións liberais. Os nacionalismos”. Os contidos conceptuais deste tema son: O Antigo Réxime. A Revolución Francesa e a Europa napoleónica. A Europa da Restauración. As revolucións de 1820, 1830 e 1848.

As revolucións liberais do século XIX permitiron a entrada na Historia Contemporánea, suprimindo os esquemas organizativos da política e da sociedade do Antigo Réxime e iniciando a construción das actuais democracias occidentais e os seus estados de dereito. Neste contexto o papel histórico de Francia foi decisivo, e París converteuse, naqueles anos, na referencia de loita polos dereitos e as liberdades.

 A través dun percorrido polas rúas parisinas poderemos evocar esta parte da historia e as súas diferentes etapas, invitámosvos a un paseo polas rúas de París e a súa historia:

        As revoltas de 1789: coa simbólica toma da Bastilla.

        A Asemblea Constituínte (1789 – 1791): fase transcendental coa abolición dos dereitos feudais e a aprobación da Declaración dos Dereitos do Home.

        A Asemblea Lexislativa (1791 – 1792): baixo unha constitución monárquica moderada estoupa a guerra contra a Francia revolucionaria, o que radicaliza a situación e as clases populares desenvolven a revolta que forzou a deter o rei (Luís XVI).

        A Convención (1792 – 1794): a Primeira República Francesa acada os momentos máis exaltados baixo o Reinado do Terror con Robespierre.

        O Directorio (1795 – 1799): o golpe de estado deseñado pola burguesía permítelle recuperar as rendas do proceso revolucionario.

        O Consulado (1799 – 1804): o éxito militar de Napoleón explica o seu ascenso político, que acabará nunha acumulación de poder e no establecemento do Imperio.

        O Imperio Napoleónico (1804-1815): Napoleón, o último déspota ilustrado, estenderá algúns dos logros da Revolución baixo unha forma de goberno ditatorial.

        A Restauración ( 1815- 1830): trala derrota militar de Bonaparte, as forzas absolutistas europeas restablecerán a monarquía borbónica en Francia (Luís XVIII e Carlos X). De novo, as formas de goberno restritivas e autoritarias dos Borbóns axudan a entender as revoltas de 1830 que conducen á elección dun novo rei: Luís Filipe de Orleáns.

        A monarquía constitucional de Luís Filipe (1830 – 1848): as clases burguesas controlan a situación por medio dun sufraxio restrinxido, mentres as clases populares, despois da súa participación nos procesos revolucionarios, quedan fóra da vida política e esixen o sufraxio universal. Isto levará ás revolucións de 1848.

        A Segunda República Francesa: instaurada a raíz das insurreccións de 1848.

Tralo breve repaso da historia francesa comprendida entre 1789 a 1848, entremos nas rúas de París e acheguémonos aos escenarios destes acontecementos:

A PRAZA DA BASTILLA

O 14 de xullo de 1789 as xentes de París asaltaron a Bastilla, que era o cárcere real. Isto simbolizou o descontento do pobo ante o despotismo real. Dous días despois do asalto, decidiuse a demolición da prisión, e unha parte das pedras serviron para a construción da Ponte da Concordia.

 

Actualmente, no lugar da Bastilla, erguese un monumento chamado A COLUMNA DE XULLO, que simboliza a liberdade e foi mandada construír polo novo rei, Luís Filipe de Orleáns, despois das revolucións de 1830 que provocaron a caída do Borbón, Carlos X. A nivel anecdótico sinalar que esta columna de bronce foi feita con canóns arrebatados aos españois.

Durante a revolución de 1848 os insurxentes, despois de asaltar a residencia real das Tullerías, colleron o trono do rei Luís Filipe, queimárono, e as súas cinzas deixáronas aos pés desta columna que o mesmo rei mandara levantar quince anos antes.

PRAZA DA CONCORDIA

Esta praza, escenario de sucesos históricos clave, chamouse durante a etapa da Convención: Praza da Revolución. Terminada esta fase, concretamente a denominada “Reinado do Terror”, e xa, durante o Directorio, rebautizouse baixo o nome actual de Praza da Concordia.

Entre os feitos máis salientables citar que, nesta praza, estaba instalada a guillotina e que foron moitas as persoas executadas nela; por exemplo, o 21 de xaneiro de 1793 foi guillotinado o rei Luís XVI e, o 16 de outubro do mesmo ano a raíña María Antonieta. O máximo responsable de todas estas execucións foi Robespierre, quen tamén acabou finando neste mesmo lugar e do mesmo xeito. A súa morte supuxo o termo da etapa do Terror.

Este espazo tamén é testemuña das manifestacións das revolucións liberais, como, por exemplo, a que tivo lugar o 22 de febreiro de 1848, na que unha multitude moi numerosa formada por pequenos burgueses, obreiros e estudantes gritaban contra Luís Filipe esixíndolle unha reforma política.

(O obelisco de Luxor que se atopa nesta praza da Concordia foi entregado ao rei Carlos X no ano 1833 polo vicerrei exipcio).

ASEMBLEA NACIONAL

Palacio construído na primeira metade do século XVIII a petición da filla de Luís XIV, o rei Sol de Francia. O palacio foi confiscado e declarado ben nacional durante a etapa da Asemblea Constituínte, en 1791.

A finalidade que se lle deu foi de sede de órganos de goberno durante a Restauración e o Segundo Imperio.

Dende 1879, no centenario da Revolución Francesa, converteuse no lugar que acolle a Asemblea Nacional (parlamento) da República.

OS XARDÍN DAS TULLERÍAS

A única parte que se conserva do Palacio das Tullerías son os seus xardíns, pois este foi destruído (incendiado polos comuneiros en maio de 1871). Localizábase entre o xardín das Tullerías e a Place du Carrousel, e encontrábase unido por medio dunhas galerías ao Palacio do Louvre. As Tullerías foron residencia real ata que Luís XIV se traslada con toda a corte a Versalles.

Durante a Revolución Francesa, cando a familia real de Luís XVI trataba de fuxir, foi detida e obrigada a volver a París (outubro de 1789), aloxándose, a partir dese momento no Palacio das Tullerías. O 10 de agosto de 1792 as multitudes enfurecidas asaltan o palacio, e Luís XVI foi encarcerado. Isto marcaba o inicio da Primeira República (a Convención).

Baixo o Imperio Napoleónico e a Restauración, de novo as Tullerías serviron de residencia imperial e real respectivamente.

Na revolución de 1848 as Tullerías volven ser tomadas polos sublevados o que obriga ao rei, Luís Felipe de Orleáns, a abdicar; a historia estase a repetir, por dúas veces o asalto ás Tullerías implicaba o arranque dun novo réxime político: unha república.

BULEVAR DOS CAPUCHINOS

Neste espazo parisino aconteceu un dos episodios máis coñecidos da revolución liberal de 1848. O descontento do pobo polo reinado de Luís Filipe fixera que, o 22 de febreiro de 1848, na Praza da Concordia xurdira unha importante manifestación que foi desbaratada coa intervención das tropas e a Garda Nacional. Pero esa mesma noite e co apoio de moitos membros da Garda Nacional, os manifestantes forman barricadas e créanse disturbios. O día seguinte, 23 de febreiro, un grupo duns douscentos homes chegan en manifestación, dende a praza da Madeleine, ao Bulevar dos Capuchinos onde se enfrontan cun destacamento que abre fogo e prodúcese unha violenta batalla con feridos e mortos. Os sublevados amontoan os cadáveres en carros e percorren as rúas de París. O día 24 todo París está cheo de barricadas, os sublevados asaltan as Tullerías, como xa comentamos, Luís Felipe abdica, triúnfa a República, as liberdades e o sufraxio universal.

CAMPO DE MARTE

Amplo xardín público situado próximo a Escola Militar, construída na segunda metade do XVIII. Celebrouse no Campo de Marte, no primeiro aniversario ( 14 de xullo de 1790), a gran festa da Revolución, a ela acudiron espontaneamente centos de persoas. O ano seguinte, o 17 de xullo, reúnese no mesmo lugar unha multitude que, no contexto dunha Asemblea Constituínte, reclaman que Francia se converta nunha república. As forzas da orde cargaron contra o pobo e morreron cincuenta persoas e resultaron feridas varios centos. O responsable desta masacre (“a matanza dos Campos de Marte”), Jean S. Bailly, foi guillotinado no mesmo lugar, tempo despois.

OS INVÁLIDOS

Construído por orde de Luís XIV para os veteranos inválidos de guerra sen fogar. Foi o punto onde durante a revolta popular de 1789 os sublevados se aprovisionaron de armas para logo dirixirse a asaltar a Bastilla, cárcere político e símbolo do Absolutismo.

Actualmente esta construción é coñecida, sobre todo, como o lugar que alberga os restos de Napoleón I Bonaparte, que foron trasladados dende a illa de Santa Helena a París en 1840 por iniciativa de Luís Filipe de Orleáns que creu que, con este feito, aumentaría a súa popularidade en Francia.

HOTEL DE VILLE DE PARÍS

O edificio do concello de París foi reconstruído na segunda metade do século XIX pero conserva a súa fachada renacentista. Lembrar que este lugar serviu de sede do goberno provisional da II República unha vez que Luís Filipe abdicou trala revoluvión do 48.

Na súa proximidade, a Praza de Greve foi o escenario, en tempos da Revolución Francesa, da utilización por vez primeira da guillotina, espectáculo que resultou decepcionante para os parisinos acostumados a execucións máis lentas e penosas.

PRAZA DE VENDÔME

Outro dos lugares con máis historia da cidade. Durante a Revolución coñecíase como a Praza da Piques, porque aquí se plantaban en picas as cabezas dos aristócratas.

Os revolucionarios en agosto de 1792, cando nace a Primeira República, deciden derribar a estatua do rei Sol, Luís XIV, que imperaba no centro da praza. Posteriormente, e por orde de Napoleón I elevaríase unha columna para celebrar a súa vitoria de Austerlitz.

Son moitos os espazos de París que recenden historia e non se poden abarcar nunha soa visita, quizais noutra ocasión podámonos achegar a eles.

ANEXO: VISITA LOUVRE. Pinturas de interese histórico:

 Coroación de Napoleón. Louis David. Pintura conmemorativa deste feito histórico, acaecido o 2 de decembro de 1804 na catedral de Notre Dame de París. Napoleón non é consagrado pola graza de Deus, senón que se autocoroa e , posteriormente coroa a Xosefina. Existe unha réplica en Versalles.

A balsa da Medusa. Géricault. O tema céntrase no naufraxio dunha fragata francesa, A Medusa, na que viaxaba un grupo de colonos a Senegal. Foron abandonados nunha fráxil balsa de madeira onde se viron obrigados, para sobrevivir, a practicar o canibalismo. Este suceso adquiriu unha dimensión política e converteuse nunha protesta contra o goberno da monarquía borbónica. 

 A liberdade guiando ao pobo. Delacroix. Símbolo da revolución de 1830, na que o pobo de París se botou á rúa e levantou barricadas durante os días 27, 28 e 29 de xullo deste ano (“As tres xornadas gloriosas”), para loitar contra o decreto que suprimía o parlamento e pola defensa da liberdade de prensa. O pobo derrotou o exército real de Carlos X de Borbón.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.