Imaxe de cabeceira
Nós, normalizando
Homenaxe a Isaac Díaz Pardo en Rianxo

O pasado día 8 de novembro de 2008 Isaac Díaz Pardo foi nomeado Fillo Adoptivo de Rianxo.

 

O pasado día 8 de novembro de 2008 celebrouse en Rianxo unha homenaxe a D. Isaac Díaz Pardo con ocasión do seu nomeamento como Fillo Adoptivo de Rianxo.

Con este motivo, o tamén rianxeiro, D. Xosé Luís Axeitos Agrelo, pronunciou un discurso en loa súa, titulado:ISAAC DÍAZ PARDO, PEQUENO MOTOR DE GRANDES COUSAS.

 

Quen é Isaac Díaz Pardo?

Naceu en Santiago en 1920 no seo dunha familia moi culta. O seu pai, Camilo Díaz Baliño (escenógrafo, pintor, e cartelista) recibía no seu taller a todos os grandes intelectuais, políticos e artistas da época: Castelao, Casal, Fraguas, Risco, Suárez Picallo, Bouza Brey, Otero Pedrayo, Uxío Souto, o escultor Compostela, etc.

A guerra civil para Isaac foi como un pesadelo no cal vía como seu pai perdía a vida. Terminada a guerra, Díaz Pardo ingresou na Escola de Belas Artes de San Fernando.

No 1948 abandonou a dedicación ás artes plásticas e comezou a súa obra de ceramista montando unha planta industrial no Castro de Samoedo, preto de Sada, na que, ensaiando materias primas utilizadas no antigo Sargadelos, produciu unha porcelana de moi boa calidade.

No ano 1955 viaxou por primeira vez a Arxentina, onde iniciou outra experiencia industrial de cerámica, a da Magdalena, onde con Luís Seoane e o apoio dos intelectuais galegos alí exiliados, constituíu o Laboratorio de Formas, que proxectou a creación dunha serie de empresas recuperadoras da memoria histórica de Galicia, convertidas logo en realidade, como a restauración do complexo de Sargadelos e o seu Seminario de investigación, o Museo Carlos Maside, Ediciós do Castro, Seminario de Estudos Galegos, Laboratorio de Industria e Comunicación, Instituto Galego de Información…

Díaz Pardo tamén cultivou o ensaio e a crítica con obras coma El ceramista Arranz y su escuela, ademais de diversos traballos xornalísticos, principalmente de historia contemporánea.

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.