Marina comparte con todos nós as súas lembranzas como estudante no IES Felix Muriel.
Nome e apelidos: Marina Calvo Gey
Data do teu último ano lectivo no instituto: 2000-2001
LEMBRANZAS:
1. Como foi o teu último paso polo IES?
Recórdoo como un tempo agradable, inesquecible e tamén esgotador; posto que sacar os cursos adiante non era tan fácil como parecía, pero tampouco o cambiaría.
2. Cantos anos estiveches estudando?
Ata os 16 anos, é dicir, a E.S.O
3. Estudabas moito? Eres un bo ou boa estudante?
Home, tanto como estudar moito, non a verdade. Tiña compañeiros que tiñan que esforzarse máis posto que eu tiña a facilidade de que me quedaban as cousas bastante rápido, sen necesidade de matarme moito. A pesar diso, creo que non era mala estudante.
4. Que seguimento facían dos teus estudos a túa familia ( teu pai, túa nai)
Por norma xeral, esperaban a ver os esforzos reflectidos nas notas. Non podían axudarme cos traballos posto que ningún dos dous ten estudos.
5. Como vivías os días de exames e as avaliacións?
Bastante relaxada (penso), aínda que sempre procuraba repasar os resumes que facía os días anteriores xusto antes de entrar para o exame (que non o considero un bo costume, porque pódeche confundir máis).
6. Fálanos das túas amistades. Que recordos gardas delas. Aínda as conservas?
Recordo que eramos un grupo dunhas seis ou sete que andabamos sempre xuntas anque falabamos con case todo o mundo. Sí, aínda conservo algunhas, aínda que coas do grupo case non me falo porque están estudando ou traballando fóra e apenas nos vemos. Só cunha delas me levo fenomenal, porque coma min, quedou na súa terra a criar raíces.
7. Cres que o feito de ter estado estudado no IES, ten algunha relavancia na persoa que es hoxe en día? Explica o porqué.
Eu son das persoas que pensa que as cousas que fas na túa vida teñen todas máis ou menos relevancia, e en concreto considero que as vividas na adolescencia son as que máis che marcan para o teu futuro; eu disfrutei moito desa etapa, sanamente e sacando adiante os meus estudos, e hoxe en día síntome satisfeita de telas vivido así e podo recordalo como algo bonito.
8. Fálanos en xeral do profesorado daqueles anos. Que recordos tes deles?
En xeral teño un recordo especial de case todos eles (sempre hai excepcións, como en todo). Quizais de quen máis me acordo poida ser de Ana (cultura clásica) porque con ela saín de excursión a Cartaxena. De Rafa (filosofía) porque me encanta como lle da voltas ás cousas para facerche pensar. E de Ana Sánchez (inglés) porque é moi boa ensinando e mellor persoa, se cabe.
9. Se daquela puideses modificar algo do centro, o plan de estudos, as materias, o profesorado… que cambios farías de boa gana? Por qué?
Eu só cambiaría a un profesor que estivo provisional cando estiven estudando 4º. Non recordo o seu nome, sei que tiña gafas e barba, e estaba como se di “de bo ano”. Foi o titor da nosa clase e era profesor de física e química, aínda que daba matemáticas. Era boa persoa, pero non sabía explicar nadiña e ninguén se enterou da trigonometría naquel ano a non ser aqueles que ían a clases particulares.
10. Que fas neste momento? Fálanos dos teus proxectos. Que tal é a vida fóra do instituto?
Levo dende os dezasete anos traballando coa miña irmá nunha perruquería; saquei o título en Santiago, ía polas mañás mentres traballaba polas tardes coa miña irmá. Estou moi contenta porque fago o que sempre quixen.
11. Agora un breve cuestionario para resolver tamén cunha breve resposta:
• Unha materia marabillosa:Filosofía, música ou educación física.
• Unha materia horrorosa:Matemáticas.
• Un profesor ou profesora:Rafa (filosofía).
• Un curso que recordes con afecto:4º de E.S.O.
• Un curso que quixeras esquecer:1º de E.S.O.
• Unha amiga ou amigo daqueles tempos:Cristina Laíño Torres.
• Un pesadelo:Un “mote” que me puxeron en primeiro.
• Unha lembranza:Tomar apuntes tan rápido que acababa por non sentir a man.
• Unha festa no instituto:Antroido (de todos os anos).
• Unha canción:Calquera de Hip Hop, que daquela era rapeira.
• Unha falcatruada:Faltar a unah clase para ir xogar ó futbolín.
• Unha inxustiza: Suspender, cun 4,9 de nota.
• Un soño:Gustaríame que os adolescentes pensen as cousas antes de facelas, que hai moito que facer neste mundo sen probar as drogas nin emborracharse cada fin de semana. Todo iso pasa factura nun futuro.
12. Para finalizar, agasalla ós compañeiros e ás compañeiras que rematan proximamente os estudos cunha recomendación persoal túa. Grazas.
A miña recomendación penso que é a mesma que a de calquera pai ou nai: que non se queden aí, que sigan estudando ou saquen unha FP…, que o futuro é moi importante e que fagan o que máis lles guste, sexa o que sexa. Grazas a vós.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]