Imaxe de cabeceira
O IES rebole / Rianxiño viaxa
Cinensino

O alumnado de 1º e 2º de ESO do noso IES participa, un ano máis  no CINENSINO, un programa de prevención de drogodependencias que se engloba dentro do contexto de Educación para a Saúde e pretende ser un instrumento complementario nesta área e dentro do actual sistema educativo.

Este programa utiliza como soporte base o cinema; mediante a proxección de tres películas irase afondando e traballando en diferentes temas de interese relacionados coa prevención do consumo de drogas que forman parte de unidades didácticas que están secuenciadas en catro sesións por unidade.

Por que nos centros educativos?

O eido escolar posúe un interese especial para a posta en marcha de accións de carácter preventivo e constitúe un contexto privilexiado para impartir programas de prevención do consumo de drogas. Algunhas das vantaxes que ofrecen os centros educativos para traballar nesa tarefa son:

1.      A institución educativa acolle durante uns anos á práctica totalidade da poboación adolescente e é este sector da poboación o considerado como de maior risco en canto ao inicio do consumo de drogas.

2.      Por razóns de idade, esta poboación é bastante homoxénea e especialmente educable, de maneira que se poden impartir coñecementos, adquirir actitudes e establecer certos hábitos dunha maneira gradual e persistente.

3.      Os adolescentes pasan a maior parte do tempo na institución educativa, que é ademais, un micromundo social polo que a súa normativa e funcionamento é xeneralizable a outros contextos.

4.      A escola pode detectar problemas temperáns e orientar cara a alternativas máis adaptativas e enriquecedoras, contando coa participación dunha serie de mediadores sociais moi amplo: pais/nais, profesores/as, alumnos/as, psicólogos/as; así como outros axentes sociais que actúan en conexión co contorno escolar.

Por que a tráves  do cinema?

É evidente que os medios de comunicación audiovisuais son unha ferramenta privilexiada para lexitimar comportamentos. O cinema axuda a observar, non só vendo, tamén sentindo; fainos críticos e abertos a unha linguaxe máis global. Pode ser considerado como un medio de comunicación sen máis, como unha creación artística, como unha fonte de coñecemento, como unha alternativa de ocio e goce… pero tamén vemos nel unha maneira de ensinar ou de aprender actitudes e comportamentos máis saudables. Dende este punto de vista, o cinema é a nosa ferramenta pedagóxica na aula.

O programa para este curso é o seguinte:

 

 

DATA

PELÍCULA

LUGAR DE PROXECCIÓN

LUNS, 6          de outubro de 2008

LOS SEIS SIGNOS DE LA LUZ

AUDITORIO DA CASA DA CULTURA, BOIRO

XOVES, 15       de xaneiro de 2009

EL NIÑO DE MARTE

AUDITORIO DA CASA DA CULTURA, BOIRO

MÉRCORES, 25 de marzo de 2009

PRADOLONGO

AUDITORIO DA CASA DA CULTURA, BOIRO

 

 

 

 




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.