Imaxe de cabeceira
Sabías que...
ConCiencia

ConCiencia é un programa de divulgación científica levado a cabo pola Universidade de Santiago de Compostela e co patrocinio do Consorcio de Santiago e a Fundación Caixa Galicia. Os obxectivos desta iniciativa van máis alá dun acto puntual, unha simple conferencia dun científico de sona internacional, o seu fin último é o contacto entre persoeiros de relevancia científica e o corpo de investigadores da USC, así como conseguir unha imaxe de Santiago de Compostela como foco universal do pensamento.

Este ano estiveron e estarán persoeiros da máxima relevancia científica mundial, recoñecidos co Premio Nobel ou galardóns equivalentes.

O primeiro persoeiro que participou este ano neste programa foi, Harold Elliot Varmus que visitou Santiago no mes de maio, Premio Nobel polo descubrimento da orixe celular dos oncoxéns retrovirais, un achádego que revolucionou a investigación sobre o cancro.

Á súa condición de lider científico nun campo tan estratéxico, une a de peso pesado da política cientifica: o presidente Bill Clinton nomeouno Director do NIH (Instituto Nacional da Saúde de EE.UU.), cargo no que estivo durante os seus dous mandatos presidenciais. O NIH é a axencia do goberno dos EE.UU. responsable da investigación biomédica e en ciencias da saúde.

É ademais Presidente do Memorial Sloan-Kettering Cancer Center de Nova York, a máis antiga e maior institución privada do mundo dedicada á investigación e tratamento do cancro. Este Centro comprende un hospital especializado en cancro, que recibiu durante o 2007 a máis de 21.000 pacientes, e un dos máis prestixiosos institutos de investigación do mundo, que conta cun cadro de persoal de máis de 9000 persoas, entre os que se inclúen figuras mundiais da investigación do cancro, como o científico español e Premio Principe de Asturias 2004 Joan Massague.

O próximo 30 de outubro, no Centro Sociocultural Fundación Caixa Galicia, terá lugar a conferencia Unha peregrinación polas altas sendas da computación pronunciada por Frances Elizabeth Allen. O día 29 de outubro terá un debate con investigadores da USC.

Frances Elizabeth Allen obtivo o Premio Turing no ano 2006, este é considerado o “Premio Nobel da computación”. Leva o nome de Alan Mathison Turing, o matemático británico considerado o pai teórico da ciencia computacional e a intelixencia artificial. É outorgado a aquelas persoas que, nomeadamente, “fagan contribucións que perduren no tempo e sexan de natureza técnica vital para a comunidade das ciencias da computación”.

O premio foi creado a mediados dos anos 60 e en máis de 40 edicións só foi concedido a unha muller, Frances Elizabeth Allen, “polas súas contribucións que melloraron fundamentalmente o rendemento dos programas de computador e aceleraron o uso de sistemas de computación de alto rendemento”. Á marxe dos seus éxitos científicos tense distinguido polo seu traballo a prol do acceso da muller á ciencia, especialmente en enxeñaría e computación, onde a súa presenza segue a ser minoritaria.

Outros persoeiros que formarán parte deste programa son:

Karl Barry Sharpless, Premio Nobel de Química no 2001 polo seu traballo en reaccións de oxidación quiralmente catalizadas.

Moitos produtos de interese farmacéutico ou tecnolóxico existen en dúas formas especulares, da mesma maneira que as nosas mans (esquerda e dereita). En moitos casos, cada unha de esas formas ten propiedades diferentes. Resulta moi díficil preparar cada unha desas formas especulares de xeito independente da outra.

Sharpless foi pioneiro no desenvolvemento de metodoloxía eficiente baseada en catálise para poder acceder a só unha das formas especulares. Á parte da relevancia conceptual, estes métodos de “catálise asimétrica” foron claves para o desenvolvemento de procesos de preparación industrial de fármacos, perfumes ou outros produtos, de xeito eficiente e menos contaminante.

Gerardus ‘t Hooft Premio Nobel de Física no 1999 por esclarecer a estrutura cuántica das interaccións electrodébiles en física, que é unha das catro interaccións fundamentais da natureza e é responsable de gran cantidade de procesos radiactivos que, por exemplo, manteñen en funcionamento os ciclos do Sol. A última peza clave da teoría electrodébil, o chamado bosón de Higgs podería ser descuberto no gran colisionador de hadróns do CERN.

A enorme contribución de ‘t Hooft consistiu en crear un formalismo que permite comprender con gran rigor e precisión os procesos nos que intervén esta interacción. ‘t Hooft investigou case tódolos grandes enigmas formulados no eido das partículas elementais, contribuíndo a resolver moitos deles, e segue a traballar activamente en posibles respostas para as cuestións que aínda esperan solución.

O programa ConCiencia tamén otorgou este ano o Premio Fonseca ao científico británico Stephen Hawking que o recolleu o pasado 24 de setembro en Compostela. A súa visita durou varios días nos que se reuniu con varios científicos da Universidade, visitou a Catedral e mesmo fixo un anaquiño do Camiño. Nunha rolda de prensa, Hawking deixou moi claro que o futuro da raza humana non está na Terra. E os cidadáns deben poñerse as pilas, porque non pasarán miles de anos antes de que un desastre acabe con este planeta. «O futuro a longo prazo da raza humana será no espazo. Será xa moi difícil evitar un desastre na Terra nos próximos cen anos, non xa nos próximos mil ou millóns de anos. A raza humana non debería poñer todos os seus ovos na mesma cesta ou o mesmo planeta. Esperemos evitar que a cesta  caia ata esparexer a carga».

O físico cualificou a era actual de «período de cambio climático sen precedentes, ao borde dunha segunda era nuclear», onde os científicos teñen unha responsabilidade especial para informar ao público e aconsellar aos líderes sobre estes perigos.

Para Hawking a sociedade ten en moi baixa estima tanto á ciencia como aos científicos.  Aínda que a ciencia e a tecnoloxía gobernan a sociedade, «cada vez menos xente desexa meterse en ciencia». Para loitar contra este alonxamento da ciencia, Hawking e a súa filla Lucy decidiron escribir “La clave secreta del universo” , un libro para que os nenos se interesen por este campo.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.